Dani Piñeiro, pop urbano galego dende Barcelona

LA REVISTA

“Cartas al pasado” é o título do álbum co que o galego Dani Piñeiro debuta no mercado musical, contando vivencias nás súas once cancións a ritmo de pop.

Dani Piñeiro debuta no mercado musical.
Dani Piñeiro debuta no mercado musical.

Estudou Farmacia e traballa nunha consultoría para a industria farmacéutica en Barcelona. Pero o que máis lle gusta a Dani Piñeiro (Pontevedra, 1998) é a música e a poesía. Da fusión de ambas as dúas artes arrancou a súa experimentación no eido do rap lírico, do que mudou ata un pop urbano que amosa o seu primeiro disco, recentemente publicado, “Cartas al pasado”, no que axusta once cancións, dez en castelán e unha en galego: “Voltar sempre (1.100 km)”, toda unha declaración, convertida tamén en videoclip, que lanzou a través de YouTube o pasado 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas.

“Cartas al pasado” é o título do álbum co que Dani Piñeiro debuta no mercado musical.
“Cartas al pasado” é o título do álbum co que Dani Piñeiro debuta no mercado musical.

Ata agora foi compaxinando a súa faceta laboral coa creación musical como artista independente. Ten pensado dar o salto ás actuacións en vivo despois do verán e cara o futuro contempla todas as posibilidades, entre elas dedicarse de cheo á música.

Pregunta. Como foi entrando en ti esa paixón pola música?

Respuesta. É algo que está aí de sempre. Na miña casa escoitouse sempre moita música sobre todo meu pai. Meu pai púñame de todo, pero sobre todo Bob Dylan, Bruce Springsteen... por iso eu teño unha grande estima por ese tipo de música dos setenta, dos oitenta. E cando eu era moi rapaz, en segundo de Primaria, a miña profesora de música descubriume que tiña unha voz bonita cando cantaba e díxome que era un don que non debería de desaproveitar. Entón pediume que seguira estudando música. Faleino logo cos meus pais e, de feito, estiven estudando canto dende os seis anos ata que rematei o bacharelato.

P. E que cantabas?

R. De todo, pero cando era neno gustaba moito de cantar as cancións da película “Os chicos do coro” e logo xa na etapa do instituto formei cuns amigos unha banda coa que facíamos versións, “covers” rockeiras. O grupo chamábase “The last shot”. Así estivemos tres anos, máis ou menos, e cando fun estudar Farmacia a Santiago, non é que me desvinculase da música pero o certo é que aparqueina un pouco. Despois da pandemia, cando saímos do confinamento, comecei a escribir bastante. A min gústame moito o rap, pero sobre todo o rap máis lírico, gústame moito a poesía. Lémbrome que lle pasei un dos poemas rapeados por WhatsApp a un amigo que estaba montando un estudo de son en Ponte Caldelas e díxome que estaba moi ben e que podiamos facer algo. E así foi ata que marchei para Barcelona. Iamos moito ao estudo, e nesa época publicamos algunhas cancións nese estilo máis de rap lírico.

P. Pasache do rap ao pop. Por que?

R. A verdade é que incluso facendo rap a min gustábame moito meter “estribillos”, traballar máis a parte melódica e apetecíame cambiar de estilo e o meu amigo mudouse a Bilbao e alí montou de novo un estudo e puxémonos xa hai máis dun ano a traballar nestas novas cancións. Durante a semana traballaba e o venres collía un avión a Bilbao e tirábame toda a fin de semana alí pechado no estudo, ata que sacamos o álbum agora, hai cousa dun mes.

P. Deixache aparcado o rap?

R. Foi unha evolución natural cara a un pop máis urbano.

P. Xa Está nas plataformas. E en soporte físico?

R. Comezou saíndo en todas as plataformas dixitais pero despois saquei tamén o disco en soporte físico, en CD. Gústame ter as cousas en físico porque é unha forma de materializar o meu traballo. Por certo que a miña nai ten máis éxito en Pontevedra vendendo os CD que eu aquí.

P. Como se chega a ese punto no que se di, “O disco xa está rematado”?

R. Fixeime un obxectivo de facer un disco longo con once cancións. Cando comezou o ano pasado tiña catro ou cinco e o que fixen foi mergullarme en cancións que medio compuxera no seu día pero que as deixara no tinteiro e así entre as que rescatei e outras que compuxen a propósito xuntei as once.

P. “Cartas al pasado”. Por que este título?

R. A min gústame sempre narrar vivencias e case todas as letras son cartas ó meu pasado, poñéndome na pel de min mesmo hai cinco ou seis anos, falando de vivencias, de cousas que me sucederon, de desamor, de pensamentos, algúns máis ambiguos.

P. Rematada a gravación e o lanzamento do disco, tes previsto facer concertos, actuar en directo?

R. O certo é que a xente pregúntame bastante sobre cando haberá actuacións pero é que estiven tan metido no tema do disco e da súa promoción que saturei un pouco e tomei a decisión de desconectar un tempo, pero á volta do verán si que teño en mente facer algo nese sentido, tanto por aquí por Barcelona como por Galicia.

Dani Piñeiro.
Dani Piñeiro.

P. Resulta complicado sacar adiante un álbum sen o respaldo dunha compañía discográfica, dunha produtora?

R. Traballar de xeito independente ten a vantaxe de non sentirte condicionado na parte creativa pero tamén o inconveniente de non dispoñer dese respaldo, sobre todo no que se refire á produción e a difusión do disco. Asesoreime un pouco para o que foi a estratexia de mercadotecnia, de cara ás redes sociais e así, pero todo o demais fun totalmente autodidacta. A verdade é que tampouco son dos que está constantemente facendo contidos para darlle movemento nas redes. Digamos que é a parte menos grata da creación como independente.

P. Cales son os teus referentes musicais a día de hoxe?

R. O meu artista favorito cando era pequeno foi Michael Jackson. Estiven enganchadísimo á súa música, casualmente máis despois da súa morte. Tiña eu once anos. De aí ese gusto que teño polo pop e polo funky. Hai outro artista que o teño como moi referente e de feito empecei a escribir grazas a el, xa que é tamén unha persoa que empezou como rapeiro e logo evolucionou ata cousas máis melódicas e acústica: chámase Juancho Marqués. Encántanme as súas letras, parécenme marabillosas. E logo diríache que tanto Fito Cabrales de Fito & Fitipaldis como Robe Iniesta de Extremoduro, tristemente desaparecido hai pouco tempo, porque teñen esa cousa á que eu lle dou moita importancia que é, ademais dunha boa música, letras profundas. Así de golpe diría eses catro, pero estou seguro que se me poño a pensar aínda tería máis.

“Voltar sempre (1.100 km)”, toda unha declaración de Dani Piñeiro, convertida tamén en videoclip.
“Voltar sempre (1.100 km)”, toda unha declaración de Dani Piñeiro, convertida tamén en videoclip.

P. A letra ten máis peso que a música nas túas cancións?

R. Creo que é importante que exista unha boa simbiose entre ambos elementos, pero si que é certo que lle dou máis importancia á parte lírica, a contar historias a través das cancións.

P. Tes previsto seguir vivindo en Barcelona, volver... cales son os teus plans para o futuro, ademais de seguir dedicándote á música?

R. Tanto eu como a miña moza tiñamos claro que nos apetecía vivir nunha cidade grande durante un tempo. Por eso contemplamos seguir aquí en Barcelona outros dous ou tres anos, pero tendo presente que a nosa idea é regresar a casa. Volver a Galicia, mercar un piso, formar unha familia… “Voltar sempre”, como di a canción.

Contenido patrocinado

stats