PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
REPORTAJE
En Esgueva, un lugar da parroquia Madarnás, no Concello de O Carballiño, atópase a Insua dos Poetas. Trátase do máis singular espazo dedicado a cultura galega. Non está constituído, como outros, ao redor da casa natal dun escritor, que é o habitual: a casa museo de Rosalía en Padrón, a de Curros en Celanova, a de Vicente Risco en Allariz... senón sete hectáreas de finca, na que o visitante atopará plantados carballos, castiñeiros, freixos, bidueiros, pero tamén obras dos artistas plásticos máis senlleiros, como Acisclo Manzano, Manuel Buciños, Xosé Cid, Alberto Fernández, Antón Pulido e unha longa lista que cada ano, ó igual que sucede coas árbores, vai medrando.
Tras este proxecto cultural está a Fundación Insua dos Poetas, que preside o seu fundador, o poeta Luís González Tosar (Buenos Aires, 1952), fillo da emigración que regresou coa súa familia a Galicia en 1969, estudiou en Vigo o bacharelato e en Santiago a carreira de Filoloxía Hispánica. A máis da súa actividade docente, González Tosar cultiva a poesía, malia que tamén cultivou outros xéneros. Non é casualidade este empeño pola causa da cultura galega que o levou a crear a Insua dos Poetas, a influencia dos intelectuais e artistas galegos na diáspora foi decisiva, tal como conta o propio Luis González Tosar: “Recibín o maxisterio do galeguismo por parte de exiliados como foron Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor e outras figuras relevantes que daquela residían en Buenos Aires. Dende entón procurei ser galego, tarefa nada doada, na que sigo empeñado. O meu compromiso coa lingua e coa cultura e coa identidade deste país foi sempre e seguirá sendo mentres viva o meu obxectivo”.
A orixe da Insua dos Poetas está “nun predio que mercaran os meus pais á volta da emigración a finais dos anos sesenta, despois de traballar moi duro na Arxentina para lograr un futuro económico que a Galicia do seu tempo, anos corenta e cincuenta non lles permitía. A idea do meu pai era regresar, non como a meirande parte dos emigrantes retornados que o fixeron ás cidades, senón a súa aldea e crear alí unha explotación gandeira coa que iniciar unha nova etapa, seguindo a traxectoria dos seus antergos. Por desgraza, meu pai enfermou e faleceu sen ver cumprido o seu soño”, explica González Tosar. “A finais da década dos noventa un grupo de amigos, escritores e artistas plásticos, aconselláronme facer unha fundación cun proxecto diferente aos dos centros baseados, por exemplo, en casas de escritores. A idea era homenaxear aos nosos devanceiros nun espazo aberto no que a natureza autóctona existente no que se chamaba Ínsua conviviran cos autores e autoras máis relevantes da literatura galega”.
González Tosar fixou como un dos obxectivos da fundación e do espazo da Insua dos Poetas, “perpetuar a memoria a través das artes plásticas, interpretar a obra e o pensamento das grandes figuras literarias, principalmente ourensáns e darlle unha proxección didáctica que os escolares dos centros de ensino de Galicia a través dos seus profesores puideran ter un contacto máis directo, máis visible coa literatura galega”.
Dende que xurdiu a idea pasaron xa vinte e cinco anos pero a materialización iniciouse en 2007 coa apertura ao público da Insua dos Poetas, na que ano tras ano vaise poboando de obras dedicadas a Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Pura e Dora Vázquez, Xela Arias, Álvaro Cunqueiro, a Xeración Brais Pinto, Arcadio López Casanova e máis recentemente Xosé Luís Méndez Ferrín, convertendo así ese marco natural nun encontro entre a literatura e as artes plásticas.
Un dos acontecementos anuais que se celebran na Insua dos Poetas e a Festa da Palabra, que ten lugar o terceiro sábado do mes de xullo. Trátase dun encontro no que participan as xentes da cultura, as institucións e diversos colectivos e no que se premia a persoas e entidades promotoras da lingua e da cultura. Pero existe unha moi completa axenda con actividades practicamente constantes, destinado a todo tipo de públicos. “A programación anual inclúe desde proxeccións de cine galego ata a celebración de festas e actividades tradicionais como o entroido e o magosto, pasando por posta en escena de obras teatrais, concertos de música nos que teñen participado grupos tan importantes como Milladoiro, Luar na Lubre, ata o Festival Insua Rock & Poetry, no que lle demos a oportunidade a grupos de xente moi nova da cidade de Ourense, desprezados e infravalorados polo alcalde da que foi a Atenas de Galicia”.
Insua Rock & Poetry arrancou a súa primeira edición no pasado mes de setembro. A parte musical correu a cargo dos grupos de rock ourensáns Fireplug, Arpías e Atlanticides e a poética, da man e da palabra do poeta celanovés Alexandre Corbillón.
“Penso que imos a mais, procurando o apoio da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia e do Concello de O Carballiño e a imprescindible participación de La Región que da difusión as nosas actividades. Temos a gran sorte de que a Insua dos Poetas é un punto central que conecta coa cidades de Vigo, Santiago de Compostela e, por suposto, a de Ourense”, sostén González Tosar, quen apunta como un fito importante, a incorporación ao padroado da fundación ao novísimo poeta celanovés, Alexandre Corbillón, “un dos creadores máis novos e con maior pulo na nosa literatura” engade.
Con vinte anos, o poeta Alexandre Corbillón é o membro máis novo do padroado da Fundación Insua dos poetas. Escribiu o seu primeiro libro, “Cristal”, en Islandia, onde fora grazas a unha bolsa literaria que lle concedera a Deputación de Ourense. Agora está a punto de publicar o segundo, “Segredo do trasno”. Poeta en activo e estudante de Psicoloxía e Filoloxía Galega, entrou en contacto coa Insua dos Poetas en 2022, na celebración daquela edición da Festa da Palabra e a partir de aí empezou a vincularse co proxecto cultural, ate o punto de ser un dos organizadores da nova iniciativa “Insua Rock & Poetry”. “Dende un primeiro momento eu dixen que me comprometería a traballar nunha serie de ideas a que sobresalta á incorporación da xente máis nova, a chamada xeración Z, para que a Insua conte tamén coa participación dos escritores máis novos que moitas veces non estamos presentes nas actividades culturais. Tamén artistas actuais, outras actividades como as artes escénicas, a danza, a música, en este caso foi o rock”, explica Alexandre.
Corbillón atribúe esa falta de participación das xeracións máis novas de creadores nos movementos culturais máis institucionalizados a varias razóns, “por unha parte, a imaxe que temos os xoves, por efecto dunha parte de todos nós, unha reputación atribuída a toda á xeración por unha porción, e por outra, o propio erro de xeracións maiores á nosa de considerarnos non inferiores pero si non aptos ou non tan preparados. É certo que temos aínda moito que aprender pero tamén temos boas ideas. Se se nos da a oportunidade de falar e de ser escoitados, ó mellor podemos aportar máis. Se non temos o medio para dar a coñecer a nosa voz, non poderemos facer achegas a un país nin a unha cultura. Por tanto, o primeiro paso ten que ser dar voz a xente que estamos traballando a prol da nosa cultura”.
O membro máis novo do padroado que rexe os destinos da Insua dos Poetas subliña a importancia que ten este espazo que vai máis aló dun museo ó aire libre e contedor da memoria. “Traballamos en facelo moito máis dinámico da cultura do século XXI. E iso é posible se logramos a ensamblaxe entre os creadores que nos precederon e nos engrandeceron, xunto cos novos creadores. É a maneira de asegurar a pervivencia da cultura”.
“Dende a Insua queremos traballar sobre todo na pluralidade e no debate permanente. Se xa eran un feito antes, agora estarán máis presentes. So así lograremos que eses aires de modernidade, asentados nunha riquísima tradición con máis de dous mil anos de pervivencia como é a galega, renoven e fortalezan a propia cultura. Por iso quero aproveitar esta ocasión para convocar aos creadores ourensáns e do resto de Galicia a ser partícipe da Insua en calquera dos seus ámbitos, porque a Insua debe ser ese centro e eixo de renovación e intercambio”, concluíu Alexandre Corbillón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREMIO FORQUÉ
José Manuel Lorenzo, más osado que valiente
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... Tesouro
BANDA OURENSÁ
O tesouro da amizade
GRUPOS MUSICALES
La playlist de... LISE L.
Lo último