Xosé Lois González, O Carrabouxo: o sorriso da actualidade
LA REVISTA
Xosé Lois González acaba de recibir o premio Celanova Casa dos Poetas, pola súa longuísima traxectoria de fino humor achegando á actualidade cun sorriso ó lector
Malia que naceu no hospital en Ourense, Xosé Lois González Vázquez (Osmo, Cenlle, 1949) séntese por encima de todo, ribeirao. En Osmo viviu ata os oito anos, logo marchou a Chantada, estudou na Universidade Laboral de Zamora e fixo enxeñería técnica de telecomunicacións en Alcalá de Henares e Madrid. Desenvolveu unha longa carreira profesional no ámbito das telecomunicacións, a meirande parte en Ourense, onde foi xefe provincial de Telecomunicación. Pero en paralelo, xa dende neno, Xosé Lois foi medrando tamén como debuxante e humorista gráfico. Creou moitos personaxes ó longo da súa vida, pero o máis famoso e o máis querido é O Carrabouxo, que dende 1982 acude coa súa retranca ás páxinas de La Región, e forma parte da identidade galega como un ourensán máis, pero con ese agudo sentido do humor que axuda ó lector a reflexionar sobre os temas máis diversos, pero sempre de actualidade.
Pregunta. Ata cando viviu vostede en Osmo?
Respuesta. Ata os oito anos. Logo marchamos para Chantada porque o meu pai foi a traballar na construción da presa de Belesar, era o listeiro, quen pasaba lista a aqueles milleiros de traballadores que fixeron o enorme salto de Belesar. Logo, fun a Universidade Laboral de Zamora e, finalmente, a Madrid a facer enxeñería técnica de telecomunicacións, primeiro a Alcalá de Henares e logo a Madrid. Acórdome de aquel Madrid de 1968, cando podías comer no comedor do SEU por quince pesetas, cando nun restaurante normal costábache como mínimo corenta. Alí tamén chegou o maio do 68 e cargaba a policía armada a cabalo. Aquilo non sabes o medo que metía. Xa me daban medo os cabalos, imaxina cun policía con porra enriba.
P. Por que estudou telecomunicacións, foi por vocación?
R. Que va! Non tiña ningunha vocación de estudar telecomunicacións. Nin se me pasaba pola cabeza cando era neno. Fíxeno porque me obrigaron. Eu estudaba en universidades laborais con beca e nestas universidades decidían eles por ti. Ían encarrilándote, primeiro fixen unha formación profesional ata mestre industrial, o que se chamaba mestría industrial. Pensaban que polas miñas características iría ben nesa rama e primeiro fixen electricidade e logo, cando chegou o momento de ir facer a carreira universitaria, dixeron que enxeñería técnica de telecomunicacións. Daquela había unha escola en Madrid e outra en Barcelona e eramos moi poucos estudando. Era difícil, pero entendo que saín bastante ben adiante.
P. E logo volveu a Ourense?
R. Volvín. Primeiro estiven dando clases de debuxo industrial, matemáticas e tecnoloxía, na Escola de Mestría Industrial de Ourense. Gañaba seis mil pesetas ó mes. Logo convocaron unhas oposicións. Acórdome que eran 23 prazas e presentámonos só 19. E como saquei o número cinco puiden escoller e elixín Ourense. Pero primeiro estiven un ano de interino en Pontevedra de xefe de liñas e centrais de telégrafos, por Bueu, Cangas, Marín, A Estrada, Silleda... e paralelamente impartía clases na Escola de Mestría Industrial de Pontevedra dando debuxo industrial. E logo si, vin para Ourense, onde quedei ata que me xubilei no ano 2009.
P. Viviu vostede toda a revolución das telecomunicacións.
R. Desde o telégrafo, o télex, o fax... ata todas as comunicacións dixitais. Foi unha transformación enorme. Só en velocidade de transmisión, cando eu empecei, o máis rápido que había eran 64 kilobits, e agora mídese por centos de megas.
P. Cando empezou a sentir interese polo debuxo?
R. De sempre. Cando neno debuxaba na clase se me aburría. Escondía o papel baixo o pupitre... Lembro que unha vez recibín unha tunda do director porque me pillaran debuxando, alá en Chantada.
P. E o debuxo humorístico?
R. En Zamora. Había unha revista que se chamaba La Quijota, que se publicaba na Laboral, era unha revista de humor e creo que foi alí onde empecei a publicar periódicamente. Cando volvín para Galiza empecei a colaborar en voceiros clandestinos, antes da Transición, loxicamente os debuxos non estaban firmados, e despois xa debuxei en A Nosa Terra e noutros medios. E a partires de 1982, en La Región.
P. Aquí foi onde naceu O Carrabouxo. Por que elixiu ter un personaxe diario e por que o nome?
R. Ter un personaxe fixo ter vantaxes e inconvenientes. A viñeta libre non ata tanto, é máis doado. Pero o personaxe termina sendo coñecido, a xente xa lle quere, acaba formando parte da actualidade. E o nome… porque pareceume sonoramente galego. Máis alá do que significa, que é a excrecencia que forma o carballo como defensa cando un insecto invade un brote para poñer un ovo. É a perla do carballo. Era unha palabra eufónica e ten moitas connotacións afectivas.
P. Encher unha viñeta tan ocorrente non debe de ser doado.
R. Eu intento que estea inspirada en temas de actualidade e de proximidade. A viñeta de mañá aínda esta hoxe sen facer, móveste por ese fío da navalla de encontrar o tema. Pero sempre o fago moi tarde, cada día. A escravitude das colaboracións diarias está precisamente niso, na necesidade de atopar o asunto axeitado e a maneira axeitada de expresalo.
P. Considera o humor gráfico un xénero periodístico?
R. Non sabería dicir se é un xénero ou non, pero é un elemento imprescindible. E non de agora. Está presente nos xornais dende o século XVIII. En España eran moi celebradas as viñetas satíricas nos tempos de Bécquer que caricaturizaban á raíña Isabel II sen ningunha contemplación. Hoxe sería impensable que se publicaran caricaturas como aquelas. O humor gráfico fíxose necesario dende sempre porque era moi expresivo, chegaba a todo o mundo, mesmo a quen non sabía ler. E gustaba moito. Tanto que había xente que coleccionaba as caricaturas dos xornais, incluso había tabernas que enmarcaban esas caricaturas e as colgaban nas súas paredes. Aínda hoxe hai algunha con chistes de Castelao, de Quesada, meus, e doutros.
P. Parece que a maioría son de esquerdas.
R. Si, parece que o humorismo gráfico é unha actividade na que maioría dos que a practicamos somos de esquerdas. Pero tamén hainos que tiran para a dereita, en todas partes e tamén en Galicia. O que si é certo é que independentemente da ideoloxía o humor gráfico está vinculado a mirar a realidade que o rodea con espírito crítico, moitas veces facendo chistes que hoxe serían considerados incorrectos, ríndonos de cousas que agora non faríamos. Eu fixen moitos chistes de calvos ata que calvei eu. Tamén evolucionamos na temática.
P. Xosé Lois González xubilouse aos sesenta. E O Carrabouxo, pensa na xubilación?
R. Mentres teña folgos e inspiración seguirei, e que sexa por moito tempo. Se quedo lelo, terei que deixalo, claro. Pero sempre penso no caso de Mingote, que seguía debuxando despois de cumprir noventa anos. Eu espero chegar un pouco máis alá.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, viernes 11 de septiembre?
cooperación
España recibe a 56 refugiados de Nicaragua
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Viernes, 11 de septiembre