Homenaxe a Xosé Lois González "O Carrabouxo", un xenio do humor

CULTURA GALEGA

O debuxante Xosé Lois González “O Carrabouxo”, colaborador de La Región dende 1982, recibiu o XLII Premio Celanova Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez por catro décadas como referente do humor gráfico e de compromiso co país

Homenaxe a Xosé Lois González "O Carrabouxo", un xenio do humor | La Región

Xosé Lois González “O Carrabouxo” (Ourense, 1949), un dos pioneiros do humorismo gráfico galego na democracia, leva dende 1982 debuxando en La Región algunhas das súas páxinas máis brillantes. Dende a súa particular mirada sobre a realidade galega, fixo do humor un exercicio diario de retranca, crítica social e humanidade, ata facer do seu personaxe e álter ego unha figura inseparable de varias xeracións de lectores e da memoria colectiva do país. Unha traxectoria pola que este domingo recibiu o XLII Premio Celanova Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez, un dos recoñecementos de referencia da cultura galega.

A xornada comezou coa tradicional ofrenda floral fronte o monumento de Celso Emilio Ferreiro no seu 47º cabodano, acompañada polos seus versos e os de Curros Enríquez, acompañados pola música da Banda de Gaitas de Celanova. A continuación, a entrega do premio tivo lugar nun ateigado refectorio do mosteiro, nun acto conducido por Felipe Ferreiro, patrón da Fundación Curros Enríquez e presidente de Cruz Vermella na provincia. Trala intervención do alcalde celanovés e presidente da Fundación, Antonio Puga, a directora da Casa dos Poetas, Paula Conde, deu lectura á acta de concesión.

A xornada arrancou coa ofrenda floral ante o monumento dedicado a Celso Emilio Ferreiro.
A xornada arrancou coa ofrenda floral ante o monumento dedicado a Celso Emilio Ferreiro. | Martiño Pinal

A emoción do Carrabouxo

Xosé Lois recibiu entre aplausos e o agarimo dos presentes a medalla de prata, obra de Acisclo Manzano, coa imaxe da casa de Curros e os cinco “c” que simbolizan o premio -Casa, Curros, Celanova, Castor e Celso-, máis un gravado de Baldo Ramos cun extracto da acta. Tras asinar no libro de honra da Fundación, o seu compañeiro en La Región Antonio Piñeiro leu a laudatio.

O xornalista celanovés lembrou como un artigo seu de 1985 sobre as papeleiras da vila inspirou unha das primeiras viñetas d’O Carrabouxo. Apoiándose nesta anécdota, definiu ao personaxe como “un paisano da aldea que xurdiu un pouco achatado e case sen que a pucha o deixase ver, pero dotado cunha intuición, dunha retranca e tamén dunha sorna de gran calibre”. Finalmente, ademais de poñer en valor o histórico compromiso de Xosé Lois coa recuperación da Casa dos Poetas, Piñeiro encomiou a “desbordante imaxinación” do autor por lograr “regalarnos máis de dezaseis mil historias”.

Paula Conde, directora da Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez, leu a acta de concesión do premio.
Paula Conde, directora da Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez, leu a acta de concesión do premio. | Martiño Pinal

“O humor é algo indefinible”

No seu discurso, Xosé Lois fixo rir e pensar ao combinar enxeño e reflexión: “Eu non son un continuador de Castelao, senón un humilde seguidor e, como tal, algo debuxante, algo nacionalista e algo vermello”. Tamén quixo definir a esencia do seu oficio: “O humor, igual ca poesía, pertence a eses fenómenos de creación humana que son indefinibles”. Ademais, aproveitou para compartir a orixinal dedicatoria que deixara no libro de honra da Fundación na que, aos cinco “c” do premio, engadiu outros cinco para os presentes: “Corazón, cariño, cordialidade, calor e Carrabouxo”.

“Profundamente galego”

No peche do acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, reivindicou o valor das viñetas como instrumento de crítica e reflexión: “Demostraron que un debuxo podía ser unha denuncia, unha reflexión política, unha lección de humanidade e, ao tempo, unha expresión profundamente galega”.

Xosé Lois González, escribindo lo libro de honra da Fundación Curros Enríquez acompañado por Antonio Piñeiro.
Xosé Lois González, escribindo lo libro de honra da Fundación Curros Enríquez acompañado por Antonio Piñeiro. | Martiño Pinal

Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que o personaxe se converteu nunha figura “recoñecida e querida por diversas xeracións”, mentres que o deputado provincial Rosendo Fernández subliñou que Xosé Lois “fai que cada mañá miles de ourensáns o primeiro que fan é abrir o xornal a ver o que di O Carrabouxo”.

A homenaxe reuniu á familia do debuxante e a destacados nomes da cultura galega e anteriores premiados pola Fundación, como Acisclo Manzano ou Xosé Cid. Asemade, Felipe Ferreiro trasladou mensaxes a distancia de persoeiros como Amancio Prada, os membros do grupo Milladoiro e da compañía Sarabela Teatro, Manuel Rivas ou Manuel Gallego.

Celanova pechou así unha mañá de cultura, música e retranca, nun sentido tributo a un artista que leva máis de corenta anos facendo do humor unha forma única de mirar e contar Galicia.

Contenido patrocinado

stats