CUARTA EDICIÓN
Lobios celebra a cultura do millo coa IV Festa da Respiga
CUARTA EDICIÓN
Na tradición agrícola, a “respiga” é a acción de sacar a mazaroca de millo da vara ou pendón da planta para a súa posterior conservación no canastro. Antano, a colleita do millo constituía o auténtico eixe vertebrador da vida rural: del dependía o pan da casa para todo o ano e o alimento do gando.
Co fin de render homenaxe a esta herdanza e aos seus antergos, a Asociación Cultural Os Follateir@s de Lobios -que en 2018 recuperou a figura tradicional do Entroido local da que toma o nome- decidiu dar un paso máis en 2023 impulsando a Festa Etnográfica da Respiga. A cuarta edición, en colaboración co Concello, Deputación e Xunta, amosou de novo onte parte dos antigos traballos, costumes e manifestacións culturais arredor do millo.
A xornada comezou cun desfile de Entroido no que a gran carroza feita a man e os Follateiros estiveron acompañados polos Danzantes e Vellos de Vilameá, as Madamitas de Entrimo e o Pai Velho de Lindoso, amenizados pola batucada escolar do CEIP Prácticas de Ourense. Un encontro de tradicións galegas e portuguesas que volveron estreitar lazos na Raia.
Un ano máis, o momento máis agardado da mañá foi o Concurso Internacional da Respiga, que puxo a proba a destreza dos participantes en tres tarefas que antano formaban parte da vida cotiá: recoller 30 espigas, separar o gran ou “debullar” dez delas, e levantar unha torre cos carozos resultantes. Pola tarde, os máis pequenos tiveron o seu propio certame para aprender a respigar e debullar o millo.
A celebración tamén incluíu unha feira con 25 artesáns, propostas gastronómicas multiculturais e a presenza da Asociación Cultural do Millo Corvo de Bueu, así como a presentación dos libros “Grou, a cultura do millo”, de Carlos Méndez, e “Um cibo de guiços”, de Manuel Gonzaga. A música acompañou a festa con Os Afinantes de Lobios, os Cantos de Taberna Xolda, o Rancho Folclórico e Etnográfico dos veciños de Entre Ambos-Os-Rios e unha foliada popular.
Esta extensa programación, na que tamén houbo espazo para obradoiros de cestería e de elaboración de antifaces, foi o remate de varios días de traballo d’Os Follateir@s e colaboradores, que cortaron o millo, trasladárono ata a praza e prepararon alí as moreas destinadas ao concurso, á actividade infantil e á decoración. Un traballo colectivo que volveu reivindicar unha cultura do millo que durante xeracións formou parte da vida da contorna e que hoxe corren o risco de perderse. A festa demostrou que estas tradicións aínda poden atopar un lugar no presente e, sobre todo, transmitirse ás novas xeracións para que non queden só na memoria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CUARTA EDICIÓN
Lobios celebra a cultura do millo coa IV Festa da Respiga
V ENCUENTRO
Lobios reunió educadores de España y Portugal
Biografías
José Iglesias, un ourensano anarquista
RESCATE DE MEDIANOCHE
Hallan el cuerpo sin vida de un hombre junto al río Limia en Lobios
Lo último
Sara Arias Fraiz
DIARIO LEGAL
Podo viaxar ao estranxeiro estando de baixa médica?
ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Dous de cada tres candidatos a alcalde repiten nas cidades galegas en 2027
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Notas á Metástase, de Xosé Lois Vázquez