O “Baile do Comunista” volveu revivir por un día
A historia da provincia de Ourense está agochada moitas veces detrás de pequenas casualidades, como a que levou ó “Baile do Comunista”, un dos locais de moda na Maceda do século pasado, a volver a abrir as súas portas.
Os días 4 e 20 de cada mes para os macedaos gardan un significado especial, por riba de todo para os máis maiores, que recordarán o “Baile do Comunista”, que aproveitaba eses días de feira -que aínda o son hoxe- para abrirlle as súas portas a Claudio González Añel, o “Cuco de Velle”.
O baile era o nome que reciba este evento, e o “Comunista”, era o avó de Natalia Quintas, que segundo conta a súa neta, “non foi comunista, pero quedoulle o nome ó berrar “viva o comunismo” polas rúas a cambio dunha peseta”.
Natalia conta que ela coñeceu este lugar “coma o garaxe da miña casa”. Explica que eles vivían arriba, e que a casa reformouse enteira, pero o “baile” mantívose, “é coma que o destino me está dicindo algo”.
O “Baile do Comunista” funcionou nas primeiras décadas da segunda metade do século XX, e pechou a finais da década dos 70, “levaba xa 50 anos pechado”, dixo Natalia. A neta do “Chispún” -o outro alcume do seu avó-, conta que a súa avoa estaba detrás da barra, mentres que seu avó e seu pai estaban cobrando na porta.
O pasado 27 de xullo o “Baile do Comunista” reviviu e volveu acubillar a música do Cuco de Velle, -aínda que fose por unha tarde-, por segundo ano consecutivo. Natalia contou que seu marido, Pablo González, “é a alma desta historia”. A historia comezou cando Pablo foi a presentación do libro de Xurxo Souto, “Somos un pobo de artistas”, o ano pasado. Neste libro fálase de que o Cuco de Velle ía a Maceda, polo que Pablo lle contou que alí estaba o Baile do Comunista, que é da familia da súa muller, Natalia.
“Eu conteille a Xurxo que o Baile está como fai 50 anos, e por que non facíamos algo para revivilo”, dixo Natalia, apuntando que a barra é a mesma que entón. “Este ano démoslle continuidade, e serve como punto de reunión non só para a familia, senón tamén a moitos veciños”, que volven para revivir memorias de vello.
O “Cuco de Velle” é unha das personaxes máis populares e singulares da provincia, e no pequeno escenario, era onde tocaba cando viña ó baile. “Segundo me contaba meu pai, o Cuco era coma da casa”, dixo Natalia, “viña a tocar e isto enchíase de xente, era o grande acontecemento da zona”.
“Eu só vivo de recordos, do que me contan”, dixo Natalia, malia que a súa ilusión sería volver abrilo “doutro xeito”, “eu creo que ten capacidade de ser algo máis”. Natalia conta que ela e o seu marido están “dándolle voltas, buscando ideas”, para continuar o seu legado familiar, “aínda que sexa en pequena medida”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PRESENCIA DE ZARA
Galería | "La moda es arte": la Met Gala 2026, en imágenes
SEGMENTO PRÉMIUM
Un pasaporte especial para viajeros fanáticos del pádel