Os do Fuelle viviron unha “noite máxica” en Maceda

MÚSICA E COMUNIDADE

A agrupación “Os do Fuelle”, de Maceda, celebraron o pasado venres a III Xuntanza “Amigos do Fuelle”, unha cea musical que reuniu a máis de 150 persoas

Un momento da cea musical.
Un momento da cea musical. | La Región

A música fai moita falta nestes momentos de incerteza”, afirmou Juan “Tito” González, director da agrupación Os do Fuelle, o grupo de acordeóns de Maceda que esta fin de semana organizou a súa III xuntanza “Amigos do Fuelle”, unha cea musical á que nesta ocasión acudiron máis de 150 persoas.

O venres pola noite, o comedor do restaurante A Diligencia converteuse nun fervedoiro co máis do cento de “amigos” que convocou a agrupación, que cantaron e bailaron ó son das pezas que tanto os anfitrións coma os grupos convidados interpretaron ao longo da cea. “Un éxito, houbo xente que chegou á última hora e xa non había sitio”, contou Tito, “a xente eufórica, contenta, cantando, bailando, foi unha noite máxica”.

Ao rematar o primeiro prato, a Banda de Gaitas de Maceda comezou a súa quenda. A Escola de Acordeóns de Lalín e Os do Fuelle foron os seguintes, interpretando cinco pezas “que ao final nunca son cinco, son seis, porque o público quere que repitas”, riuse Tito. Para rematar, os tres grupos interpretaron xuntos A Rianxeira “mentres a xente cantaba e bailaba”.

“Isto para repetir!”, clamaban algúns ao remate do evento. “Estamos contentísimos, xuntamos a xente de tódalas cores e sitios”, dixo Tito, afirmando que “a xente bota de menos facer comunidade, e a nós danos moita mágoa que a música non se comparta máis”. Houbo algún confundido que, pensando que era un concerto, acudiu “cos quince euros na man para pagar a entrada”.

Esta terceira edición deixa paso á cuarta, “que a faremos no mes de outubro”, contou Tito. “Son as dúas que imos seguir mantendo, xa que nestes meses non hai moitos eventos”. Pero os que queira desfrutar da música dos do Fuelle poderán facelo a partir do 25 de xullo, cando a agrupación actuará no concello de Chandrexa de Queixa antes de comezar “a xira de verán”.

Contenido patrocinado

stats