Unha pinga verde nun mar de terra negra nos montes de Maceda

DÍA DA ÁRBORE

Este sábado foi o Día da Árbore e para “celebralo”, un grupo de voluntarios achegouse aos montes de Maceda para sementar árbores no terreo calcinado polos lumes do pasado verán.

David con Ébora antes de comezar a plantar as árbores.
David con Ébora antes de comezar a plantar as árbores. | B.L.

"Nin as árbores poden vivir sen a terra, nin a terra pode vivir sen as árbores”, escribiu o premio Nóbel de Literatura José Saramago nunha carta coa que quixo honrar a memoria do seu avó. Onte celebrouse o Día da Árbore, unha xornada que pretende concienciar sobre a importancia de coidar os ecosistemas forestais. Malia que foi instaurado pola ONU en 1971, as celebracións arredor das árbores comezaron moito antes.

En Galicia o primeiro rexistro que se ten é ben anterior, xa que data de 1569, cando o alcalde de Mondoñedo (Lugo), Luis de Luaces, mandou aos veciños acudir o 4 de febreiro ao campo dos Remedios para plantar tres árbores froiteiras, para logo ofrecerlles un xantar e celebrar a plantación.

Dun xeito semellante, a asociación Amigas das Árbores organizou onte unha visita á Palela, en Maceda, un dos lugares máis afectados polos lumes que arrasaron a provincia durante o pasado mes de agosto. Unha ducia de voluntarios citáronse no Alto do Couso para, todos xuntos e de forma simbólica, replantar unha morea de árbores que axuden a repoboar o monte, hoxe tinguido de negro.

Aquí, antes do pasado verán, cando un permanecía calado apenas uns momentos, escoitaba á vida: paxaros, insectos, animais... Hoxe non queda nada máis co silencio”, explicou o axente forestal Xosé Santos, quen se encargou de facer a introdución aos presentes. Os voluntarios botaron á terra dende sementes ata pequenos carballos de dous anos, pasando por acivros e ata pradairos.

O variopinto grupo de voluntarios estaba formado por xente de tódalas idades e lugares. Dende veciños da Palela, A Costa ou Chaioso, pasando por alaricáns, ourensáns e limiaos, como David, que aos seus catro anos participou por primeira vez na sementeira de árbores.

Este exercicio non é máis ca unha gota verde nun mar de terra negra, que se estende miles de hectáreas pola provincia ourensá, e que tardará décadas en recuperarse e servir de fogar á vida salvaxe.

Contenido patrocinado

stats