A Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, 40 anos como referente
EVENTO CULTURAL
A 40º edición da Xuntanza de Monterrei homenaxeará ás cantareiras a través de Julia Bailón, cantora da Madalena
A Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, de Interese Turístico e Cultural de Galicia, cumpre este venres e sábado catro décadas como foro de prestixio polo que teñen pasado os gaiteiros máis destacados, e gaitas das máis primitivas ás máis cultivadas. Esta edición, que contará cun cento de participantes, renderá homenaxe ás cantareiras a través de Julia Bailón, cantora da Madalena.
A Deputación acolleu este mércores a súa presentación co vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.
O alcalde lembrou que a celebración enmárcase este ano no festival Monterrei Reverdece, que inclúe o sábado a IV Festa da Vendimia e un concerto de Luar na Lubre como peche de xornada, concibindo o evento como “unha homenaxe a todos os que traballaron nos terribles lumes deste verán”.
Pola súa banda, César Fernández definiu a Xuntanza Internacional como un “referente da música, identidade e tradición popular”, e Foxo sinalou que é “un dos eventos de maior importancia no mundo das cornamusas”.
Programa
O evento comeza este venres na praza da Hermida de Flariz, a partir das 19,00 horas, coa actuación da Banda de Gaitas de Flariz, músicos de Galicia e do País Vasco, así como gaiteiros de República Checa, Bélxica e Escocia. Nese mesmo espazo e fóra da programación, ás 20,30 horas, terá lugar un concerto da cantante portuguesa María do Ceo.
A Xuntanza continúa o sábado ás 12,00 horas, coas conferencias e mostras de gaitas europeas con gaiteiros e expertos de Galicia, País Vasco, Asturias, Portugal, Bélxica, Escocia e República Checa, no Parador de Verín.
Ás 17,00 horas, o programa trasládase á alameda de Albarellos, cunha gala presentada por Montse Estévez, na que actuarán gaiteiros e agrupacións de Galicia, Asturias, País Vasco, República Checa, Bélxica, Escocia e Cuba, e a Real Banda de Gaitas da Deputación como colofón.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último