18 de xullo de 64 d. C.: o gran incendio de Roma

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 18 jul 2026 - 05:10
Busto de Nerón sobre unha imaxe do incendio de Roma.
Busto de Nerón sobre unha imaxe do incendio de Roma.

Hoxe, sábado 18 de xullo, é unha efeméride que evoca etapas pasadas xa superadas pola maioría da sociedade. E aínda máis importante, tamén polas nosas xeracións herdeiras. Pero existen outros 18 de xullo sinalados na historia. Por iso quero recordarlles un coñecido suceso que acaeceu entre esa noite e o día 19 do ano 64 d. C.. Nas proximidades do circo Máximo iniciábase un incendio que ía destruír gran parte da cidade de Roma, a capital do imperio que dominaba case todo Occidente. Foi, no dicir do historiador e político Tácito, o suceso máis grave e terrible dos producidos pola violencia do lume.

A queima non foi a única consecuencia. Parece ser que dos barrios que formaban a cidade imperial, catorce neste momento, só tres non sufriron incidencias directas ou indirectas. Todo ocorreu baio o mandato do emperador de Nerón, que gobernou entre os anos 54 e 68 d. C. É habitual culpar a este monarca do incendio, ao tempo que el cargaba a culpa sobre a comunidade cristiá da cidade, tema que serviu de guión para películas que xa se inclúen entre os grandes clásicos. Existen, sen embargo, estudos históricos que aínda hoxe non conseguen aclarar o asunto. Precisamente sobre estas cuestións, a profesora UNED Pilar Fernández Uriel publicaba en 1990 o artigo “El incendio de Roma del año 64: Una nueva revisión crítica”. Malia á súa brevidade, 23 páxinas, e que xa pasaron máis de 35 anos dende que víu a luz, a arqueóloga e na actualidade catedrática de Historia Antigua da UNED, manexando fontes da época e nutrida bibliografía, achégase a difícil cuestión de intentar precisar as causas do incendio, as consecuencias do mesmo, desentrañar o papel que puideron desenvolver os cristiáns, ou a valoración do propio Nerón como gobernante.

Certamente a orixe do lume puido deberse á fatalidade, ao redor dos postos de venta existentes xunto ao circo Máximo -o das carreiras de cuadrigas- e estendeuse con facilidade favorecido polo vento e polos materiais de construción de moitos edificios levantados con materiais inflamables e organizados en rúas estreitas. Puido durar, segundo historiadores coetáneos máis de seis días, polo que as consecuencias sociais e políticas eran de esperar, malia que non poucos investigadores louban a política exterior neroniana naquel fatídico ano. Sen embargo, a maioría dos autores clásicos -non todos, caso de Tácito- culpan a Nerón, acusándoo de queimar Roma para construír “Neronia”. Tamén é certo que existía un descontento coa política do monarca, e que puideron actuar algúns exaltados descontentos pola política relixiosa. O resultado foi a persecución de acusados e condenados amparada no “Institutum Neronianum”, un a modo de edicto imperial que lexitima a persecución de cristiáns. O caso e que, segundo recolle Tácito, os reos desta fe foron condenados a morte con tan enorme e gratuíta crueldade que incluso a poboación romana se conmovía, aínda que foran axuizados como inimigos públicos e como incendiarios atendendo ás normas da xustiza romana. Algúns historiadores ven aquí a orixe institucional, xurídica, das persecucións, que rematarán no s. IV.

O 18 de xullo trae efemérides diferentes da que, sen dúbida, é máis coñecida en España. Penso que poucos lectores sospeitaban que a noite dun 18 de xullo puido ter dado cobertura legal, directa ou indirectamente, as persecucións de cristiáns na antiga Roma hai case dous mil anos.

Contenido patrocinado

stats