Itxu Díaz
USOS Y COSTUMBRES DEL VERANO
El mercadillo hippie
CASTELLUM HONESTI
Hai dous anos, ás portas do XIX Congreso Provincial do Partido Popular de Ourense, escribín neste xornal que se abría unha nova etapa para a dereita ourensá. Para min, non iamos acometer un simple cambio na dirección nin unha mera substitución de persoas, senón que principiaríamos unha nova forma de entende-lo liderado do partido que leva décadas sendo a principal referencia política da provincia. Daquela, usando as palabras de Edmund Burke, defendín que a renovación era unha condición indispensábel para conserva-lo esencial, e isto é asi por que, entre outras cousas, penso que un partido non vive só dos seus dirixentes. Unha vez máis, coido que o tempo -o gran xuíz da historia-, deixou claro que aquela reflexión respondía á lóxica da realidade e non ó entusiasmo do momento.
O primeiro reto a afrontarmos consistía en demostrar que eramos quen de abrir unha etapa distinta sen renunciarmos á nosa esencia; é dicir, sen afastarnos dunha identidade propia que nos convertera, durante anos, na forza política maioritaria da provincia -o “Old Grand Party” ourensán-: un ourensanismo conservador, moderado, reformista, municipalista e centrado, de verdade, nas persoas. Consonte a esta premisa, baixo o liderado de Luis Menor, consolidouse paseniño un estilo propio; unha forma de facer política máis serena que estridente, máis preocupada por construír que por confrontar e máis atenta á resolución dos problemas que á busca do titular inmediato. Nun tempo no que a política se confunde acotío coa institucionalización do conflito e a algarada, onde o radicalismo e a polarización se moven con absoluta liberdade, recupera-lo valor da moderación constituíu, de xeito paradoxal, unha decisión innovadora.
Na política partidaria, a eficiencia mídese pola capacidade de cohesiona-la entidade e de converte-las decisións orgánicas en proxectos realistas e útiles para a sociedade. Neste sentido, sen présa mais sen pausa, emprendeuse un proceso de reforzo da estrutura, conscientes de que a nosa verdadeira fortaleza segue a estar onde sempre estivo: nos alcaldes, nos concelleiros, nos militantes e nos milleiros de persoas que, lonxe dos focos, fan posíbel que esta organización estea fortemente implantada no territorio. Por historia, a política local segue a se-la nosa mellor escola e a nosa principal fonte de lexitimidade por que sabemos que os concellos representan o ámbito onde a confianza dos cidadáns debe gañarse tódolos días e no que as ideas deixan de engalana-los discursos para se converter en fontes de solucións concretas.
Neste dous anos tamén quedou acreditado que a renovación non consiste en rachar co pasado; sabemos que as organizacións maduras distinguen entre a memoria e a nostalxia xa que coñecen as consecuencias derivadas das dúas: a primeira fortalece e a segunda debilita. A este respecto, o Partido Popular de Ourense posúe unha historia da que sentirse orgulloso xa que forma parte da evolución institucional da provincia; unha historia que hoxe cobra todo o sentido e nos permite afrontar con garantías os desafíos do presente e os retos do futuro.
Uns desafíos e retos que, malia os avances, aínda permanecen latentes: a evolución demográfica, o equilibrio territorial, a competitividade das nosas empresas, o aproveitamento dos recursos naturais, a modernización das infraestruturas ou a xeración de oportunidades para que a mocidade poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida. Ningún deles admite respostas ou consignas simples; en troques, esixen estabilidade, capacidade de diálogo e unha visión de longo percorrido.
Hai dous anos rematei eu aquel artigo dicindo: “Hai partido; xoguemos!”. Hoxe, superada a transición orgánica e consolidado o novo liderado, cómpre darmos un paso máis e demostrarmos que seguimos a se-la organización política máis útil e fiábel para Ourense, unha ferramenta ó servizo da provincia e dos ourensáns. Hai partido e, sobre todo, hai futuro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Itxu Díaz
USOS Y COSTUMBRES DEL VERANO
El mercadillo hippie
Rafael Salgado
LEMBRANZAS
Ourense no tempo: álbum de verano | Muebles Zalama, comercio cercano
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Prohibido por eclipse
Lalo Pavón
O AFIADOR
Un día haberá autobuses
Lo último