A do Trampitán

Publicado: 30 dic 2024 - 01:33

AFachada Leste da Praza Maior, o “Espolón”, é a máis peculiar e diferente da Praza, comparándoa coas outras tres fachadas. Foi construída cara a 1855.

Olga Gallego no seu libro “A Cidade de Ourense–Unha visión a través dos séculos”, infórmanos que:

A comezo do século XVIII, o Cabido da Catedral encarga a obra das súas casas na Praza Maior ao canteiro Benito García, natural da fregresía de S. Miguel de Carballeda, arzobispado de Santiago que no ano 1717, segundo lembra no seu testamento, aínda non cobrara 500 reais do seu traballo”.

Moitas das edificacións pracegas eran do Cabido ou pagábanlle a el foro; algunha delas situábase no Espolón; entre elas, a número 21. O seu lateral esténdese ata a igrexa de Santa María a Nai compartindo a escalinata có Museo Arqueolóxico.

A mediados do século XVIII, este edificio tíñao arrendado o Cabido ao señor Lanza, o mais importante tendeiro pracego. Ramón Otero Pedrayo no artigo “Estampas d´Ourense a medeados do século XVIII”, recórdanos:

“A (casa) situada a carón das escaleiras de Santa María tiñao arrendado o cabidoo en 400 reás ô señor Lanza, o mais importante tendeiro d´entón…

Ourense tivo bós xudeos comerciantes e sempre foi logar de tráfico. Entón había 23 tendeiros ô por maior. O mais importante don Diego Froilán Lanza e compañía conocido por Lebrón tiña 22.000 reás de vellón ô ano d´utilidás. Os otros andaban entre 1.000 e 5.000: soilo un sacaba 17.000. Mais algús tiñan otros ingresos: maormos dos bés do cabidoo, ou de interpresentes e recaudadores do subsidio de monacales ganaban por termo medeo 500 r.”.

Otero cualificaba ao negocio do Sr. Lanza instalado neste o cualificou como “célebre comercio de Lebrón”.

Diego Froilán Lanza entre as múltiples propiedades posuía, nos arredores do campo dos Remedios, a coñecida como “Ponte Lebrona”.

Juan representounos na venda da casa a Manuel Prieto Anta, tio deles, por nove mil seiscentas trinta e oito pesetas e vinte e cinco céntimos

O banqueiro Juan Fuentes administraba o patrimonio da súa familia. Era apoderado de Vicente e Alexandra Pérez; estes lle deron poderes para vender a herdanza do seu avó, Antonio Pérez Bobo. Juan representounos na venda da casa a Manuel Prieto Anta, tio deles, por nove mil seiscentas trinta e oito pesetas e vinte e cinco céntimos.

No baixo do edifício número 21 do Espolón ubicáronse os seguintes negocios:

Juan Calvo creou no século XIX a armería que levaba o su nome; casou con Protasia Moraza coa que tivo seis fillos e, ela, enviuvou en febreiro de 1896 responsabilizándose, logo, do negocio. En 1898 dotou ao local de escaparates onde luciu un busto en xeso do ourensán Xan da Coba. O local traspasouno a Leonardo Pascual un empregado da armería que, un tempo despois, decidiu instalar o negocio noutro lugar.

Maribel Outeiriño no libro “Anuncios - Historia del comercio orensano a través de la publicidad 1863-1939” inseriu o anuncio da Armeria da Viúva de Juan Calvo recollido da revista “Auriabella” de 1903 na ofertaba escopetas “Jabalí”, revólveres e pistolas, caxatos e paraugas, máquinas de coser marcas Seidel e Naumann e abonos minerais para toda caste de cultivos. O Programa “Grandes festas do Corpus de Ourense de 1912” insería o anuncio da Armeria da viúva de J. Calvo na que ofertaba máquinas para coser e bordar das marcas “Seidel e Nauman” e abonos químicos.

O empresario Leonardo Pascual sucesor da viúva de J. Calvo vendía nel as mesmas máquinas de coser; ofrecía instrumentos musicais para bandas, orquestras e rondallas (pianos, gramófonos e discos), e vendía abonos químicos; todo ía plasmado no anuncio do xornal “El Diario de Ourense”, do 28 de xuño de 1915 e “La Región”, do ano 1929.

Mariano González González e Nacho Hermida rexentaron o “Trampitán” durante máis de oito anos

Manuel Outeiriño Iglesias (Manolo Caracochas) instalara alí os “Almacéns Santa María”, despois, no mesmo local, abriu “A Cavarquesa”, negocio de venda de comidas para levar a casa. Cara ao ano 2013 o escultor Xoan Torres Cidre instalou o café “Trampitán”; posteriormente, Iolanda Campo substituíuno. Mariano González González e Nacho Hermida rexentaron o “Trampitán” durante máis de oito anos, ata o 31 de xaneiro de 2023, data na que lles rematou o contrato de aluguer. Os irmáns Emilio e Elvira Cidre colleron o relevo en febreiro do mesmo ano que abrira o seu curmán Xoan Torres. A nai dos actuais xestores é, hoxe en día, a dona do local.

Xosé-Luis Méndez Ferrín situou o “Casino dos Cabaleiros” no Espolón, onde se atopa o café Trampitán. Ali centrou un extraordinario relato titulado “Xeque-mate”, inserido no libro “Crónica de nós”. Non embárgante, doulle a razón a Ramón Otero Pedrayo, que o sitúa no suroeste da Praza dado que o seu pai foi o seu presidente.

Así de historiada é a casa onde se ubica o “Trampitán”.

Contenido patrocinado

stats