Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
El tren y el ministro
A TRIRITA
Tiven un parente que foi dono dunha grande facilidade prá aprendizaxe de idiomas. Aprendeu alemán pra poder ler a Kant e, por se non fora pouco aprender, quixo ler a Buda e acabou léndoo en sánscrito. Grazas a el puiden escribir a novela do Sacauntos, do mal chamado Home Lobo de Allariz, porque Romasanta ser foi de Regueiro, unha aldeiña de Esgos. Fixen a novela seguindo o sumario do xuízo -que si se celebrou en Allariz-, grazas a que este meu parente, xente da xudicatura, mo facilitou. Sempre tes que ter de man un parente ou un amigo dispostos a botarche unha man. Todo ó longo da miña vida dispuxen desa man amiga, da que non todos os escritores dispoñen, pero tamén da outra e, coido eu, senón necesaria inevitable.
Necesidade inevitable é a lectura. Postos a ela, se a curiosidade che asiste, non has poñer reparo ós autores mouros e cristiáns, xudeus ou nazis, ou deste lado e máis doutro. Non sempre é fácil. Un bo amigo resumiuno na afirmación de que hai que comer de todo, probar tódolos viños, tódolos peixes do mar e saborear tódalas froitas. Esta tririta comezou así, logo da lectura do terceiro dos libros de Delphine Horvilleub lidos neste verán tórrido. Tórrido e asfixiante, que mal que ben ímolo levando sobrevivindo á esas deshidratacións que tanto nos amolan ós que estamos na provecta idade da que eu xa desfruto. Agora vou ó que ía.
Sempre me preguntei quen inventaría a palabra abracadabra. Pronúnciana ós magos e os ilusionistas xusto antes de nos sorprender con seus prodixios: Abracadabra! E o prodixio xurde e marabíllanos. Hai unha semana estiven en Artes, unha parroquia de Outeiro, no concello de Riveira. Trátase dun fermoso lugar , escrito agora como a min me gusta, con uve, ó estar na beiramar. Fun alá levado da man dun amigo e visitei non sei se un prodixio ou un milagre, pero algo so así cualificable.
Pode o lector dar por feito que pagou a pena o obxecto da visita feita a tal lugar sito entre Ribeira (con be, como din as normas) e Corrubedo. Mentres durou a visita, a palabriña de marras veume resoando na caixa das memorias gratas. Abracadabra. Logo, de regreso na casa, póñome a ler -que é cousa que si fago bastante ben e moi a miúdo- o terceiro dos libros que lles citei escritos por unha rabina francesa. Grazas a esa lectura sei que abracadabra é unha verba aramea. Seica abra significa “fixo” e que cadabra significa “o que dixo”. Fixo o que dixo. Pois aí vamos.
Sempre me preguntei quen inventaría a palabra abracadabra. Pronúnciana ós magos e os ilusionistas xusto antes de nos sorprender con seus prodixios: Abracadabra! E o prodixio xurde e marabíllanos.
Xavier Expósito Paradela fixo o que dixo que ía facer. O que? Crear unha marabilla na Parroquia do Outeiro, no lugar de Artes. Cal? O Museo do Gravado de Artes. Unha construción, un insólito museo que conta con máis de trinta mil gravados asinados por Dalí, Picasso, Rubens, Van Dick, Goya... e tantos e tantos outros nomes de proxección internacional, entre os que non faltan os de nós, desde ó de Jorge Castillo ós de Miró, Doré, Lugrís etc. etc. etc. Na ocasión inaugurábase unha excepcional mostra de gravados de Xaime Quessada e de paso podíase visitar a sala con obras de Isaac Díaz Pardo ou unha biblioteca adicta a tal tema con miles de volumes en máis idiomas dos imaxinables.
Abracadabra. Na parroquia de Artes e no lugar de Outeiro seica naceu a nai de Xavier Expósito Paradela que veu o mundo en Noia, neto dun ebanista e fillo dun pai que o enviou estudar Dereito. Debeu aproveitar ben os seus estudos porque se especializou en Dereito Marítimo Internacional converténdose nunha referencia da súa especialidade en toda Europa. Xavier debeu dicir: farei unha gran obra en memoria da miña nai, e fixo o que dixo. Un prodixio, unha marabilla que pode envexar calquera grande cidade europea, pero que está aí, en Artes, a disposición de quen queira visitala. Agora é o momento de dicir que desconfío moito de que dixera abracadabra. Cásame máis que o que dixo foi “vou facer en Artes un museo do gravado” e foi e o fixo; non dixo abracadabra, dixo Mugart, palabra na que se resume todo e todo o que contén: a memoria da nai, a conciencia da terra, o recto sentido do mecenado do que a nosa sociedade non está aínda ben dotada. Abracadabra e naceu Mugart, vaian visitalo, asegúrolles que paga a pena.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
El tren y el ministro
Alfredo Conde
A TRIRITA
Abracadabra
Emilio R. Portabales
MI PLAN PERFECTO
Vacacións en Vilagarcía de Arousa
Lo último
VIAJAR ES UN PLACER
El turismo masivo ya afecta al 77% de los viajeros de negocios en España
OURENSE NO TEMPO ÁLBUM DE VERANO
Couto en los 60