Vacacións en Vilagarcía de Arousa
MI PLAN PERFECTO
Hai xa algún tempo, un colega díxome que non se afacía a idea de estar de vacacións ata que non pasaba o Padornelo e A Canda. A min ocorríame algo semellante, pero non precisaba ir tan lonxe, chegábame con pasar o Paraño para viaxar ata Vilagarcía de Arousa en canto collía as vacación na Laboral de Ourense, cando estaba en activo, e agora, xa xubilado, cando rematan as actividades da Coral De Ruada.
Comecei a veranear en Vilagarcía en 1978 e, dende ese momento, pareceume un lugar perfecto para pasar os meses de verán. A pesar do seu crecemento -a finais dos 70 apenas chegaba aos 25.000 habitantes e na actualidade anda preto dos 40.000- Vilagarcía é un lugar cómodo onde todo está a man. Ten todo tipo de servizos e está moi ben comunicada tanto por estrada como por ferrocarril, de xeito que é moi doado achegarse a Pontevedra, Vigo, Santiago… ou calquera dos pobos do Salnés (Cambados, Vilanova, a Illa de Arousa, O Grove…) ou do Barbanza (Rianxo, Ribeira, Noia…). Ata hai uns meses, facíase moi cómodo viaxar entre Vilagarcía e Ourense en tren, dadas as frecuencias, a rapidez -arredor dunha hora- e os prezos, pero a teima de aforrar dez minutos aos que viaxan de Vigo a Madrid fixo que agora non sexa tan doada esta opción. Unha mágoa.
Vilagarcía ten un número importante de rúas peonís, ademais de fermosos rutas polo interior e pola costa, sendo a máis transitada a que vai dende o paseo do peirao de viaxeiros ata o veciño pobo de Carril, pasando polo porto deportivo, o peirao do Ramal e polas praias da Concha e de Compostela. Ten ademais numerosos parques e xardíns (do Centenario do Porto, de Miguel Hernández, do Botánico Enrique Valdés, de Ravella, do Doutor Fleming, da Praza de España…), que, ademais de facer de pulmóns da vila, permiten o descanso á sombra cando o sol aperta. Unha das cousas que máis me agrada desta vila é que o turismo aínda non é abafante, de feito paseo a diario polas rúas e raramente me cruzo con alguén coñecido de Ourense, a diferencia do que ocorre noutros pobos das Rías Baixas. Cada un ten as súas teimas e eu creo que as vacacións son para descansar e desconectar da rutina diaria e paréceme que iso non se consigue topando coa mesma xente de tódolos días aínda que sexa nun lugar diferente.
Unha das miñas afeccións é a lectura e, neste tempo tranquilo e repousado, adoito levar comigo aqueles libros que, por distintas razóns, non puiden ler nos meses anteriores.
Ao longo de xullo e agosto adoito ir a algunha das moitas localidades da contorna onde celebran festas patronais ou gastronómicas, como a Festa do Carme en Vilaxoán, onde se celebra o “Vilaxoán canta”, unha especie de coro popular dos nativos, aberto a tódolos que queiran cantar e coñezan as cantigas populares que interpretan na praza do pobo, ou a romaría de Santa Marta, en Ponte Arnelas, onde saúdo tódolos anos ao gran gaiteiro cambadés Xaquín Xesteira, alma mater do coñecido grupo Treixadura e director de Sondeseu.
Unha das miñas afeccións é a lectura e, neste tempo tranquilo e repousado, adoito levar comigo aqueles libros que, por distintas razóns, non puiden ler nos meses anteriores. Nesta ocasión as vacacións estanme a servir para rematar o interesante libro de Arturo Lezcano (fillo) “O país invisible” e teño á espera “O nariz de Cirano e outros nobelos”, de Bieito Iglesias, e “Boundaries road”, de Cecilia Fernández Santomé. Como non me gusta deitarme ao sol, vou á praia a partir das seis da tarde para darme un baño breve e despois, sentado nun banco de madeira baixo a sombra dunha frondosa sobreira, nun extremo da praia do Preguntoiro (Cancún, como lle chaman con moita sorna os arousáns), en Vilaxoán, espero poder ler con calma os poemarios “Val tan doce e sombrío”, de Chisco Fernández Naval, e “Cartas de Conxo, o legado das Távora”, do poeta e pintor arousán Xurxo Alonso.
Despois da praia, apetece tomar un viño e mesmo petiscar algo en calquera dos establecementos da vila ou visitar algún dos moitos furanchos dos concellos limítrofes (Ribadumia, Vilanova, Meaño…).
Antes de durmir, dende a terraza do quinto andar onde vivo, se o tempo e as luces da rúa mo permiten, adoito mirar as estrelas -para ver se falta algunha, como me di Pili, a miña dona- ata que o airiño fresco da ría me avisa de que hai que ir para a cama.
Ao romper o día, o balbordo das gaivotas quéreme despertar, pero fago que non o oio, dou media volta e durmo unha horiña máis, polo menos…
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Emilio R. Portabales
MI PLAN PERFECTO
Vacacións en Vilagarcía de Arousa
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Las cuentas del Estado
Rosendo Luis Fernández
As municipais chaman á porta
Lo último
VIAJAR ES UN PLACER
El turismo masivo ya afecta al 77% de los viajeros de negocios en España
TEJER COMUNIDAD
“A Maiores” se despide hasta otoño pasándolo como niños