Antonio Casado
De “progre” por Nueva York
Non hai moito tempo, Iñaki Anasagasti, no Foro La Región, falaba da vinculación de Castelao cos dirixentes nacionalistas vascos. Lembraba as conexións que había entre o PNV e o Partido Galeguista e, como non, falaba tamén do libro “Sempre en Galiza”, onde o rianxeiro universal deixou moitas reflexións e opinións que, a día de hoxe, están moi vixentes. Logo, pra rematar o acto no Marcos Valcárcel, afirmaba que Galicia precisaba dun partido nacionalista moderado que, sen estridencias, berros e pronunciamentos sobre cuestións alleas a esta terra, captase a esencia e os problemas que precisan arranxar os galegos pra mellorar a autoestima e finalmente afrontar as graves carencias que temos como comunidade.
Pois ben, na xornada festiva deste 25 de xullo, tratando de seguir a estela do galeguismo histórico, un grupo de xente vinculada o recén nado Partido Galego (PG), xuntouse en Allariz nun xantar de irmandade. O obxectivo era celebrar o Día da Patria compartindo experiencias, ideas e recollendo propostas, pra logo seguir camiñando e implantando o proxecto en toda Galicia. Pola tarde, despois do xantar, a axenda levounos a visitar o cimenterio onde están os restos de Vicente Risco e posteriormente a Fundación deste ilustre persoeiro.
No transcurso da xornada analizouse a situación do nacionalismo galego e chegouse á conclusión de que a teoría dos vasos comunicantes sempre funciona nos distintos procesos electorais. Esta teoría poderíase resumir en que os trasvases de votos sempre se fan entre as forzas alcumadas progresistas; mentres, o caladeiro de votos da dereita sigue practicamente intacto. Polo que, de non existir unha forza política que practique un nacionalismo práctico e pragmático e que sexa capaz de conectar cun sector social moi amplo desta sociedade, o cambio político nesta terra será unha tarefa moi difícil de levar á realidade.
O galeguismo, ou se prefiren o nacionalismo galego, se quere darlle froitos a esta terra ten que porse a traballar na Galicia real e, dende esa realidade, afrontar as situacións que son pouco menos que crónicas. Ten que fuxir de imposicións e referencias a países con ideoloxías que eiquí non son aceptadas e pasar a facer unha política práctica e amabel. E ten que facelo dende unha óptica que lle permita despoxarse de ideas e posturas mal chamadas liberadoras, autodeterministas e arredistas. Tamén ten que deixar de xustificar modelos de países que nada pintan no contexto mundial. Claro, a non ser que, no fondo, acariñe e agoche esas ideoloxías que baixo o prisma da igualdade teórica so empobrecen os pobos que as poñen en marcha. O nacionalismo galego vixente, aínda que hoxe ten uns resultados importantes, de non mudar rotundamente a situación na que está, non deixará de ser sempre unha muleta de forzas estatais.
En fin, as verbas do exsenador Anasagasti e a idea do galeguismo práctico e pragmático, animaron un novo intento de abrir un camiño que, sen ataduras ideolóxicas, xunte ás xentes e colectivos que traballan nesta terra, para ser unha boa ferramenta pra autogobernarnos plenamente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último