Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Una mierda de Nochevieja
CASTELLUM HONESTI
Había anos que non esculcaba o faiado. Noutrora, pasaba horas alí lendo, imaxinando historias construídas a partir das sombras chinesas que se insinuaban nas paredes ou ben, fumando un pito ás agachadas aproveitando o gran velux. Agora, as visitas que facía á casa dos pais eran menos frecuentes do que quería e moitas veces cursaban ás presas, rexidas por unha anarquía horaria. Nun recanto da estancia, amontoadas sobre un chan feito con lousas para repoñer, atopou varias caixas de cartón, algunha roída polo paso implacábel dos anos e o desgaste provocado pola humidade que tende a inunda-lo espazo dispoñíbel. Dentro delas descubriu obxectos esquecidos: unha bufanda do seu Atleti, un exemplar medio desfeito de “Os dous de sempre” de Castelao, unha revista de rock coa foto dun Miguel Ríos pletórico na portada e un fato de carpetas que semellaban durmi-lo sono dos xustos entre o po. Cada un daqueles obxectos era coma un eco do pasado que rebotaba contra as paredes da súa cabeza, coma un raio de luz que reverberaba no espello das súas lembranzas.
Solovio sentou no chan coas caixas arredor de si e abriu con coidado unha carpeta que contiña escritos doutras épocas; vellos papeis orlados polo amarelo que deposita paseniño o tempo nos seus bordos, como se a memoria fose un material que ó sedimentar sobre aquela superficie de celulosa, asegurase un mecanismo que lle permitiría perdurar eternamente. Pasou o resto da tarde relendo aqueles textos da mocidade; un tempo vital asimilado a modo de etapa formadora do carácter e mais dunha liña de pensamento, a súa. Algúns databan dos anos de universitario en Lugo, outros foran redactados durante o ledo trienio que vivira en Compostela, a cidade eterna de Galicia.
Sen solución de continuidade, diante dos seus ollos pasaron -en forma de procesión ideolóxica- os seus conceptos prístinos e xerminais sobre o país, primordios dunha realidade posterior algo matizada e plenamente desenvolvida: o seu primeiro galeguismo como ensaio de proposta e bosquexo de resposta, a declaración de intencións políticas dun ninguén; o rol do mundo rural galego como gardián das nosas esencias patrias e o imperativo da súa protección como depositario da alma dunha identidade secular. Os papeis, ás veces engurrados, outras suavizados polo peso dos anos, transmitíanlle unha sensación de permanencia, coma se cada folla fose un fío que conectaba o pasado co seu presente. Achou que todos eles tiñan un denominador común: constituían o xermolo do que pensa hoxe. O que son agora, matinaba Solovio mentres cambiaba de folla, é unha consecuencia ledamente inevitábel daqueles tempos, representa un acto aristotélico adulto emanado daquela potencia moza; neste momento -respirou o home con grande alivio-, afortunadamente son o produto do que pensei naquelas épocas.
Lendo os vellos folios orlados polo tempo nos que se plasmaba, negro sobre branco, o que pensara en distintas pasaxes da súa vida, Solovio tivo a certeza de que sempre tentara vivir con intensidade e coherencia mais tamén de que consonte a estas actitudes vitais tan súas, endexamais deixara de dá-lo mellor de si en cada intre. Por iso, nun exercicio de auténtica liberdade moral, responsábel e plenamente asumida como tal, cando rematou de le-lo tesouro de tempo escrito que custodiaba aquel antigo cofre de papel -e coa perspectiva e a autoridade que lle outorgaban os anos-, determinou que, para ben ou para mal, el -só el-, fora quen de gaña-lo privilexio de se-lo heroe da súa propia historia así coma o dereito de gozar con dignidade da súa memoria, a maneira máis ética que coñecía de transcenderse sen necesidade de negarse a si mesmo, nin o que pensa. E isto -concluíu mentres pechaba a carpeta-, desenvolvido de forma limpa, nidia e coherente; sen fuxidas, sen rupturas, sen correccións e, sobre todo, sen precisar de imposturas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Una mierda de Nochevieja
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Unha próxima e antiga representación dos Reis Magos
Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
Acha-lo tempo pensado
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Apuntes, políticos, de Venezuela
Lo último
PASIÓN POR EL BALONCESTO
Galería | Tarde de baloncesto y derbi gallego en el Pazo, en imágenes
UNA DÉCADA SIN BOWIE
Anisocoria: la afección visual que marcó la hipnótica mirada de David Bowie