Adeus á revolución cubana

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 18 mar 2026 - 02:40
Adeus á revolución cubana.
Adeus á revolución cubana. | JOSÉ PAZ

Despois de máis de sesenta anos, a chamada Revolución Cubana chegou ó seu fin. Capitulou. As chamadas á resistencia sucumbiron diante as estreiteces que pasan as xentes da illa. Con todo, moito terán que mudar as cousas para que a que foi a perla do Caribe volva a ter o nivel de vida que tiña antes da chegada de Fidel. A realidade é que moitos cubanos descoñecen o que había neses tempo, pois para eles a historia comezou despois da revolución comunista. A ditadura rouboulles coñecer como era aquela Cuba e someteunos a un proceso de alienación forzosa.

O que acontece hoxe tráeme á memoria conversas con compañeiros nos tempos da militancia política. Falar da ditadura cubana era case un sacrilexio para aqueles que berraban contra o bloqueo que soamente era un embargo polo pago das expropiacións. Tamén conversas recentes con amigos que tiñan moi claro o da ditadura. Sempre defendín que a igualdade entre os humanos ten que reflectirse no tema lexislativo. Todos por dereito somos iguais. Mais tamén penso que o Estado non pode ser o acaparador de toda actividade dos cidadáns. Si, pode e debe tutelar baixo o seu mando unha serie de servizos considerados básicos, como son a educación, a sanidade e algúns máis, pero o demais debe quedar sometido á iniciativa privada que é tanto como falar da creatividade e as ansias de mellorar a vida, pois hai quen se ergue cedo para traballar e quen se esforza e quen, pola contra, quere vivir a expensas dos demais sen dar un pau a auga.

O caso de Cuba é o caso dun país que levou ó poder a un señor con moita labia, un señor que botaba horas e horas falando e que creou unha sociedade chamada igualitaria, pero na que había dúas clases sociais: os cidadáns que eran do exército e do partido, e os que non o eran. Para os primeiros, privilexios e para os segundos, sacrificios. E para manterse no poder creou unha estrutura de espías cun xefe en cada cuadra (grupo de vivendas) que controlaban, reprimían ou encadeaban ós que eles lles chamaban disidentes ou contrarrevolucionarios. Esa maneira de controlar ós cidadáns complementábase cun proceso electoral moi similar o que había en España durante a ditadura franquista, pois nel calquera candidato que non fora do réxime no aparecía ou era eliminado do proceso.

E así un país coa iniciativa propia truncada foi entrando no declive permanente

Xunto a ese sistema pechado e controlador estivo sempre a busca de alianzas con países que os fornecían de materias primas. Rusia, ate a caída da Unión Soviética e Venezuela, ate a caída de Maduro. Todo elo mantendo diante a xente que, si a traída de auga por poñer un exemplo se rachaba, era culpa dos americanos. Si, todo era culpa dos demais.

E así un país coa iniciativa propia truncada foi entrando no declive permanente. Logo pasou a exportar médicos ós que explotaba dicindo que eran pouco menos que traballadores dun pais altruísta. Como as estreiteces veñen de lonxe, nestes últimos anos ás familias, para resistir a crise, optaron polos poucos euros ou dólares que mandaban os que tiñan a sorte de poder emigrar a EEUU, a España ou a outros lugares. Hai un par de anos, nunha cafetería desta nosa cidade, unha cubana dicíame que emigrara porque alí pasaba fame.

Esta e moitas cousas que quedan no tinteiro pasaban e seguen a pasar en Cuba, mentres aquí algúns iluminados defendían a ditadura dos Castro. Non hai moitos días o meu amigo Hixinio, compañeiro de militancia hai moitos anos, dicíame: “O réxime cubano di que hai que resistir toda a vida para chegar o paraíso que lle oferta a revolución. Esto ten certa similitude cunha crenza relixiosa que che di ‘sufre, sufre que logo serás recompensado na outra vida”.

En fin, dóeme que sexa Trump, o ególatra e narciso presidente americano, quen lle poña punto final a un réxime que levou a Cuba á miseria. Eu, que non son defensor dese aspirante a tirano, espero que a que foi provincia española de ultramar mellore a situación dos seus cidadáns. Mais debe quedar claro que o réxime castrista, antes de que lle pechara a billa do petróleo o ianqui, xa estaba ferido de morte e era un anacronismo na historia. Por eso que, cando escoito falar a Canel que negocian en igualdade de condicións, queda moi claro que está mentindo. Está a buscar unha saída para salvar o pelexo del e dos seus acólitos e ver se aínda poden seguir pegados ó poder.

Contenido patrocinado

stats