Opinión

Afonso X e o viño de Ourense

Moi coñecida é a cantiga de escarnio -ou sexa irónica - que non de maldicir -máis bruta e sen dobres sentidos- na que Afonso X o Sabio critica a un músico de igrexa “Mestre Johan” por pesado e cantar mal. A última estrofa, cuarta, di “Assi com'eu beveria bom/ vinyo d'Ourens, asy quereria bom/ som de Cunctipotens pera meestre Johan”. Ou sexa que lle prestaría tanto que cantase ben esa parte da misa -o cunctipotens- o mestre Xoán como beber un bo viño de Ourense.

A este “mestre Joam” dedícalle tamén outra cantiga máis longa e formalmente máis interesante, na que tamén lle di, con menos delicadeza, que canta mal e que non se meta en preitos e, en calquera caso, que non os leve ante o rei, do que deducen os entendidos que el non o era aínda; daquela, debía ser un poema de cando era aínda infante, ou sexa de antes de 1252 en que chega con 31 anos ao trono. Ou sexa, é posible que a cantiga de escarnio que fala do bo viño de Ourense sexa da década de 1240, cando andaría polos vinte anos e podería estar vivindo por terras aurienses, se, como parece, botou aquí uns anos a partir de 1232 en que lle conceden aos seus aios os beneficios de Maceda.

Ben. E de Ourense, de onde? Pode que de Ourense cidade... que moito viño había daquela, en calquera caso, das terras de Ourense. E non sería imposible que fose, incluso, de viñas propias. Explícome. Hai cando menos tres documentos sobre unhas viñas familiares en Sanín. No primeiro pergamiño, o seu avó Afonso VIII -IX para o cómputo castelán- do día 16 de outubro de 1219 -faltaban aínda dous anos para que nacese o neto- di retirarse dun pleito a propósito dunhas viñas de Sanín, “quam vobis homines pro mea voce faciebant” -ou sexa que a traballaban uns homes para el- e pásalla ao abade Vermudo de Melón. Pero a cousa non debeu ser simple, porque nove anos despois, o 24 de xuño de 1228 confirma o privilexio e se aparta ao abade e ao mosteiro da demanda das viñas. E aínda, o propio Afonso X, xa rei, o 18 de xaneiro de 1255 volvía confirmar a súa renuncia a unha demanda sobre as viñas de Sanín. Non sei o suficiente e paréceme un pouco de lío sen coñecer os documentos dos que só vin rexestas, resumes, pero o caso é que se trata de viñas en Sanín vinculadas á familia que ecoan na documentación entre o ano 1219 e 1255. Incluso a menos de cinco quilómetros de Sanín, queda o lugar de San Miguel de Vilar de Rei, cuxo nome, podería estar tamén relacionado con eses monarcas. En fin, non sei se o viño en cuestión, ese “bo viño de Ourense” viría das que foran viñas familiares... pero hai un certo ruxe ruxe.

E tamén hai outra referencia escura ao viño ourensán noutra cantiga. Nunha tenzón, unha especie de regueifa, entre un trobador, Estevan da Guarda, e un xograr, seica xudeu, Josep. Aí, contra o final dise dun deles que “mais é tam certo e apreçado come o vinho forte em Alhariz”. Máis probable é que fose viño do Ribeiro -se cadra tostado, por iso de “forte”- que viño producido en Allariz, que daquela -tempo máis quente ca hoxe- podía haber. En calquera caso, tamén se pode entender en clave de ironía propia do xénero de escarnio, como se lles estivese está chamando peneques aos da corte alí asentada. E polo que nos conta el mesmo, a Afonso X gustáballe a pinga...

Te puede interesar