Homenaxe ao Plus Ultra en Ourense, 1926

TRIBUNA

Publicado: 12 nov 2026 - 08:10
A sede de De Ruada, na actual avenida de Pontevedra, engalanda para a ocasión.
A sede de De Ruada, na actual avenida de Pontevedra, engalanda para a ocasión.

Estes días puidemos visitar no Centro Cultural José Ángel Valente da nosa cidade a interesante exposición “Centenario dos grandes voos da aviación española (1926-1935)”. Seguramente, o máis emblemático deses voos foi o realizado polo hidroavión Plus Ultra, un Dornier Wal pilotado polo comandante ferrolán Ramón Franco Bahamonde, ao que acompañaban o capitán Julio Ruiz de Alda Miqueleiz como observador, o tenente de navío Juan Manuel Durán González como observador da Armada -que non realizou as etapas máis longas, entre Porto Praia e Pernambuco, para alixeirar o peso e que morreu apenas seis meses despois nun accidente aéreo en Barcelona- e o cabo mecánico Pablo Rada Ustarroz. O voo realizouse en sete etapas (Palos-Las Palmas, Las Palmas-Porto Praia, Porto Praia-Noronha, Noronha-Pernambuco, Pernambuco-Río de Janeiro, Río de Janeiro-Montevideo, Montevideo-Buenos Aires), partindo do simbólico lugar de Palos de la Frontera o 22 de xaneiro de 1926 para amerizar no porto de Buenos Aires o 10 de febreiro. Foi o primeiro voo importante español e tamén o primeiro do mundo que conseguiu cruzar o Atlántico Sur cun só avión.

Esta fazaña foi moi seguida dende os seus inicios e moi celebrada en tódalas cidades, vilas e pobos de España"

Esta fazaña foi moi seguida dende os seus inicios e moi celebrada en tódalas cidades, vilas e pobos de España. En Ourense había un motivo especial para a celebración: a única muller dos irmáns Franco Bahamonde, Pilar -María de la Paz morrera en 1903, con preto de cinco anos de idade-, vivía en Ourense, concretamente no entón número 74 da rúa do Progreso (debía ser nun dos edificios situados fronte á gasolineira), debido a que o seu marido, Alfonso Jaraíz Jerez, enxeñeiro de camiños, canais e portos, estaba destinado na nosa cidade como enxeñeiro na Xefatura de Obras Públicas. O xornal La Zarpa, de Basilio Álvarez, tomou a iniciativa e fixo un chamamento ao pobo ourensán para homenaxear a Ramón Franco a través da súa irmá Pilar, e dirixiuse, de xeito especial, aos presidentes dos coros De Ruada, Os Enxebres e Orfeón Unión Orensana para que cooperasen na homenaxe.

Deste xeito, o 10 de febreiro celebrouse a gran manifestación popular dende a Praza Maior ata a rúa do Progreso pasando polas rúas do Instituto (actual Lamas Carvajal), Paz Nóvoa (Paseo), Luis Espada (Alejandro Outeiriño), participando na mesma varios automóbiles, os Exploradores, Banda Popular de Música, De Ruada, Os Enxebres, Orfeón Unión Orensana, representacións das sociedades recreativas, Cámara de Comercio da provincia, profesores e alumnos de tódolos centros docentes da capital, comisións do Goberno Militar, Cabido, Caixa de Recluta, dependentes de comercio, Concello e demais organismos oficiais, etc., e o pobo en xeral. Pechaba a manifestación a banda do Batallón de Mérida, de guarnición na nosa cidade.

O coro De Ruada -que engalanara profusamente o balcón do seu domicilio da rúa Pereira (actual avenida de Pontevedra) esquina coa Praza Maior, con bandeiras, follas de palma, métopas, escudos e lucería- tamén acudiu a cumprimentar á parella no seu domicilio ofrecéndolles na azotea do mesmo varios números do seu repertorio e unha copla especialmente composta por Xabier Prado “Lameiro” para a ocasión, que comezaba: Anduriña de Galicia,/ anduriña ferrolán:/ si Dios che conserva as ás,/ moito España voará.

Poucos días despois, concretamente o 13 de marzo, houbo outra manifestación cívica de homenaxe á mesma familia para celebrar o recente ascenso a xeneral, con 33 anos de idade, do coronel Francisco Franco, aproveitando que se atopaban na nosa cidade -no domicilio dos Jaraíz-Franco- a súa nai, María del Pilar Bahamonde y Pardo de Andrade, e a súa dona, Carmen Polo y Martínez-Valdés. Pero eso xa é outra historia...

Contenido patrocinado

stats