Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
30 grados al cuello
Praia América, Area Lourido, por vello nome. Verán. Día de praia. Tocar muros. O peirao de Panxón e o do Monte Lourido. Uns tres quilómetros de lado a lado. Paseando como señores áxiles, unha hora os seis quilómetros de ida e volta. Rutina diaria para milleiros de “bañistas” coa bolsiña co móbil e os cartos. Si. Ás veces penso en pedir un aparello deses con aparencia de cronómetro co que as azafatas contan os pasaxeiros dos avións e sentarme nun dos estremos e facer clicks durante todo o día e saber cantos fan o percorrido completo.
E como é paseo pousado dá tempo a mirar o persoal con que se cruza un e tomar nota de certas impresións para lles contar. E velaquí van as miñas deste ano.
Poucos nenos. Ou sexa, bastantes, pero nada que ver coa anos sesenta con catro ou cinco por sombriña. (O outro día xogaban uns perquerrechos -nenas e nenos- cunha boneca dicindo “Mi bebé tiene coronavirus. Hay que llevarlo a Urgencias”. Poucas embarazadas. Moi poucas. Curiosamente vexo máis homes con barriga de embarazo que mulleres. Pero para a reposición demográfica, témome que non sexan equivalentes; as barrigas entenden a diferenza de xénero.
O Chunda chunda. Os grupos de rapaces que se ven -moitos veñen pasar o día desde Vigo- non levan guitarras como outrora, senón aparellos que emparellan cos seus móbiles e poñen música. Ben, música non exactamente. Poñen “regetón”, vinganza caribeña que veu de América para castigarnos pola conquista. O outro día pendinlles a un grupiño de mozas, con voz amable e xesto serio, que por favor, baixasen a -chameille- música. E, educadas, baixárona. Deduzo, pois, que esa -volvo dicir- música pasou xa dos ambientes marxinais a persoas normais.
Depilados. Hai homes que se depilan. Nunca reparara. Homes que, dentro da bendita variedade actual, se gaban de ser homes “sen pelo en peito”. Nin nas pernas, polo que vexo... e non sigo... pero supoño que tampouco. E os depilados refucen as perneiras do bañador cando pasean. Agora que o lembro, tamén me pasaron afeitaron algunha vez o peito... Cousas, si, de mundo dos electros.
Tatuaxes. Moitas. Máis nas mozas ca nos mozos. Ou será que miro máis. Pode ser. Pero en calquera caso, moitas. Moitísimas. Algunhas pequeneiras e, incluso, bonitas. Para seguir tradición milenaria desde o home de Ötzi. Outras tatuaxes horrorosas, ao meu ver, claro. Cada vez máis figuras xeométricas e animais e menos desas tan arriscadas que, sobre a pel, indeleblemente, poñen nomes de amantes para sempre... en tempos de obsolescencia programada... e sen programar.
Máis avoas e nais en top-less ca fillas adolescentes. Menos tangas que hai anos. Os homes seguen cos de sempre. As mulleres len novelas. Pouca xente na auga. Aínda menos nadando. Unha rareza. Os cativiños batuxan sen parar.
Máis ilusión nos pais construtores de castelos ca nos nenos. Menos intentos de facer imposibles castelos de area que resistan a subida da marea. Máis xente baixa sillas á praia. Ningunha sombriña de propaganda de Cocacola. Algunha xente soa. Mochiliña, cascos, toalla, cunchas sobre os ollos... Sobre todo mozas. Barquiiiiiiiillos, xa pensei que xa non pasaban. Paseo sen máscaras pero a xente contén a respiración ao pasar. Todo máis distante. Poucos vendedores. Non está o dos avións. A Virxe da Roca iluminada. Luces que agavean polos montes. Xa todo un: Baiona, Sabarís, Ramallosa, Paria América, Panxón, Patos, Nigrán, Mercadona...
A xente, comedida, sen moita alegría, cansa, fala lonxe... Outro verán raro, raro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último