“Agarda até a primavera, Bandini”

A TRIRITA

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Uns dirían que vivo feliz, de preitos arredado, lonxe do mundanal ruído sen que me enturbe o peito nada do habitual; outros dirían que o horaciano Beatus Ille, traducido por frei Luis de León, o di doutro e millor xeito, pero aí lles queda; váleme pra dicir o que penso. O que? Pois que levo trinta e algúns anos vivindo no fermoso Val da Maía, antano ocupado por gándaras nas que invernaban alados seres, chegados de lonxanas latitudes, hoxe ocupado por urbanizacións e xentes diversas, mesmo procedentes das lonxanas latitudes das que deixaron de vir invernar as aladas especies recén citadas.

O caso é que vivo e escribo eiquí; leo, penso, certo que cada vez menos; sinto, certo que cada vez máis; cultivo un pouquiño a horta da que dispoño e non deixo de me preguntar que lle faría o galego ó corrector de textos que, cada vez que escribo un diminutivo, subráiamo en roxo e só descansa se o corrixo como mo resalta. Pois aí lles queda.

A Librería Bandini funxe en plena democracia ou no que está a quedar dela. Antes fíxoo na desaparecida Lenda pra se transformar nesta e actual, declarada a millor librería nova de España, pra que se fan unha idea do que estamos a falar.

Vivir vivo así como lles digo, cando menos de xeito habitual pois sempre te chaman e levan de eiquí pra alá e viaxo un pouco; se non a ver. Vivir vivo así, pero convivir iso fágoo en Bertamirans. En Bertamirans teño amigos, tamén en Brión, claro, pero a tertulia dos xoves, feita mentres xantamos no Tropic, é con xentes empadroadas no concello de Ames. Un deles é quen rexe a Libraría Bandini. Élles o meu libreiro de cabeceira pra dicilo rápido. Pra lles dar unha idea de que libreiro se trata, direilles que a súa lémbrame a libraría Tanco de Ourense, na que oficiaba o poeta Antón Tovar; a que tiña Eduardo, a quen chamabamos o Xudeu, nun portal da rúa do Vilar compostelá; a de Patiño en Vigo, a pontevedresa Xuntanza no seu primeiro ano de vida; en fin, as daqueles libreiros que se expuñan vendendo libros chamémoslles importados.

A Librería Bandini funxe en plena democracia ou no que está a quedar dela. Antes fíxoo na desaparecida Lenda pra se transformar nesta e actual, declarada a millor librería nova de España, pra que se fan unha idea do que estamos a falar. Élles un privilexio contar cun libreiro como Oscar Porral, director da librería así galardoada, na que hai clube de lectura, presentacións de libros e de xentes que acoden e axudan a enriquecer ó resto dos asistentes.

A Libraría Bandini, por se non era moito todo no que se ocupaba, agora ten tamén unha póla máis: Bandini Editora, chámase. Acaba de botar a súa primeira nave: unha obra de John Fante titulada “Agarda até a primavera, Bandini”. O lector atento xa sabe agora de onde Óscar tomou o nome. O novo libro xa ofrece na súa portada unha novidade: evita esas faixas roxas que adoitan ser un coñazo, pois non sabes ben onde metelas, e optou por ilustrar a portada cunha frase extraída do propio libro; foi esta: “Bandini mirou unha mancha azul no leste. ‘Ben axiña teremos a primavera’ dixo”. “Abofé que si”. Pero ten algunha consideración máis pra co lector: a marxe superior de cada páxina é máis ancha, deixa máis espacio do que o fai a inferior. Os letraferidos, os que facemos notas nas marxes das nosas lecturas, contamos con estoutra diferencia, con estoutro agasallo de Bandini Editora: poderemos escribir o que a lectura nos suscite cunha comodidade impensable ata que tal cousa se lle correu a este editor noso, e que me perdoen se hai outros que tamén a proporcionan, pero é a que a min non me consta. Un é algo corto de entededeiras. O finado do meu pai, que, xunto co seu, atendeu á miña nai no momento de que esta me botase ó mundo, sempre afirmou que debido a un corte do fluído eléctrico eu nacín corto de luces. Tómenmo coma unha desculpa dun alarde deses que sempre podo deixar ceibos polos arredores do que escribo ou do que falo; menos mal que non transcende do que sinto.

É bo tratar de nacementos como este do que lles falo tan só sete días despois de que, os máis de nós, recorrésemos a ruta do crisantemo pra llos levar ás campas dos nosos seres mortos rogándolles, de paso, que esperen por nós millor canto máis tarde. Os que non sexan de moito ler quedan informados de onde poder botar unhas palabras dialogando nunha libraría e sen ter que agardar que ben axiña teñamos primavera, Bandini.

Contenido patrocinado

stats