Un recurso de alzada de Otero Pedrayo

Publicado: 07 nov 2026 - 01:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Os galeguistas de Ourense -como case todos, cando a guerra- eran “xente de orde”, relixiosa e liberal. Os franquistas non lle perdoaron a alianza co Frente Popular, pero os que estaban lonxe desa estratexia e facían gala de antimarxismo, tipo Otero, Risco ou Cuevillas, pasaron o trauma da guerra con relativa benignidade. Os tres citados eran xente da cultura moi recoñecida, con contactos e, á altura do 36, cunha escasa participación na política, alén da campaña en pro do Estatuto para a que, por certo, ninguén pedira o non.

Otero foi expulsado do corpo de catedráticos por orde publicada no BOE do 30-8-1937, despois de estar en activo o curso 1936-37. E coa fin da guerra chega ao Ministerio de Educación José Ibáñez Martín, catedrático de Xeografía de instituto, católico vello estilo, home clave na construción do ensino do novo Estado e das institucións, como o CSIC, aproveitando algo das vellas.

Pero Otero tiña unha vantaxe cando o sancionan: ten bo pasar, amplas propiedades en Trasalba e casa na rúa da Paz, non ten fillos e ten moitos contactos que o farán case “intocable”. Por iso, a pesar da oferta que lle fai o ministro de ocupar a cátedra de Historia en Pontevedra en 1946 -transmitida por Filgueira- “abondaba que lle puxese unhas liñas dicíndollo, que non era mester solicitude oficial, unha carta privada xa servía”, Otero négase e contéstalle o 26 setembro do 46: “Ista man miña ten gota, reúma e perlesía pra lle escribir ó ministro... Eu soio podería vir de novo a Ourense direitamente”. Pero dubida: “Cecais faga en Madrid algunha xestión, cecais non”. Ao voltar, o 10 de novembro, coméntalle de novo Otero a Filgueira: “Nin sequera pasei pola acera do ministerio... Que lle quer! ‘Haben sua fata’ os homes como os ‘libelli’ (teñen o seu propio destino, os homes como os libros). Gobernarémonos como se poida polas procelas do inverno o timón da nau-casa, chegarán os longos dias de maio e non me ha de deixar esta esperanza ou este doce escepticismo”.

Filgueira insiste o 2 de decembro, lamentándose de non ter coincidido en Madrid: “Quizabes -meigas fóra!- nos houberamos acaroado á aceira de Alcalá. Quizaives non ‘Ut fata...” (coma os destinos) pero de certo que penso que valería calquera sacrificio que Vde. fose uns mesiños catedrático desta Pontevedra que sempre o agarda”. O 12 de abril do ano do reingreso, 1948 escríbelle a Filgueira: “Recibiuse unha comunicación do ministerio no Instituto de Ourense preguntando por min para que pida a revisión do expediente. Eu escribinlle a Miguel de Castro que xa veriamos, que podían facelo de oficio” e pedía poder matricularse nas oposicións da Universidade. Un días despois, o 18 de xuño, Filgueira contéstalle das xestións que realiza con participación de Daniel de la Sota, ante Pio Escudero – do ministerio- coa axuda de Manuel Chamoso... e dille: “O primeiro paso do seu choio, o de repoñelo en Institutos, está á firma no ministerio”. O día 2 de agosto emítese a orde e el coméntallo a Filgueira, con sorna, ao día seguinte: “Lázaro resucitado escalafonicamente, ‘a monumento factidum’ o espectro corporeirado con hiposusfitos de nómina”.

Gobernarémonos como se poida polas procelas do inverno o timón da nau-casa, chegarán os longos dias de maio e non me ha de deixar esta esperanza ou este doce escepticismo”.

E con ese reingreso no instituto en outubro de 1948 acompañou instancia pedindo os atrasos, pois se o repoñen de oficio, asumen un erro, e se hai un erro, proceden atrasos. E como o día 13 de xaneiro de 1949, a Dirección General de Enseñanza Media ditara unha orde negativa, interpuxo de inmediato un recurso de alzada argumentando que fora un cese temporal agora resolto ao seu favor, polo que insistía debía ser resarcido. O tema deu lugar a unha argumentada contestación negativa (BOE 4-10-1949) na que se confirmaba esa denegación de haberes, pois unha revisión podía ser por erro ou por “un motivo de benevolencia, fundado en razones de buena conducta, de adaptación, de utilidad social o profesional, de arrepentimiento notorio y activa enmienda, sin error administrativo que rectificar; en este caso, la nueva situación del sancionado tiene más parecido con la amnistía o el indulto que con los recursos extraordinarios de revisión y casación en el procedimiento judicial ordinario, y no hay una razón que imponga el abono de los haberes no percibidos”.

Ata onde sei, non lle deu máis voltas. Estaba feliz no Instituto con Santiago no horizonte.

Contenido patrocinado

stats