Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
Vai chover, carallo
CASTELLUM HONESTI
No ano 2017, na miña condición tanto de presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro coma de director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, comecei unha colaboración fluída ó tempo que emocionante coa Asociación Álvaro das Casas. Máis polo miúdo, tratábase de apoiar e impulsa-lo compromiso do tecido empresarial agroalimentario galego co noso idioma a través de fomenta-lo seu uso na etiquetaxe e mais na publicidade dos produtos que destinaban ó mercado. Neste sentido, aínda hoxe e con periodicidade anual, outórganse uns galardóns -os Bacelos de Prata- a aquelas empresas da nosa terra pertencentes a este sector cuxa vontade de facer visíbel o devandito compromiso se materializa na aposta por desenvolve-la súa estratexia de márketing e promoción na nosa lingua propia.
Malia que sigo a pensar con certa mágoa que non deixa de ser unha forma de celebrar aquilo que debese ser unha normalidade, o certo é que para min aquela cita anual, ademais de polo feito de desenvolverse na adega histórica do Pazo dos Ulloa, situada en Esposende de Ribadavia -en pleno corazón do Ribeiro-, posuía un valor engadido posto que me brindaba unha ocasión senlleira de ser eu mesmo a través de exterioriza-la miña condición de galeguista confeso e militante. Un par de anos despois, agora a modo de iniciativa totalmente persoal, decidín reforza-lo meu compromiso coa lingua -aínda máis-, entrando a formar parte da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA); outra agrupación que persevera no mesmo obxectivo final ca anterior pero nesta ocasión traballando dentro do universo sanitario.
Ámbalas dúas entidades, xunto a outras como a Fundación Lois Peña Novo ou ben o Foro Enrique Peinador, reúnense no colectivo GaleguizarGalicia que articula un grupo de asociacións con obxectivos comúns, nomeadamente o fomento da galeguización en tódolos ámbitos de vida da nosa sociedade. Confórmanse así como un grupo de entes dinamizadores que traballan coa finalidade de impulsa-la cultura galega e normaliza-lo uso da nosa lingua en distintos eidos da vida social de Galicia, non só dende o cultural, senón tamén no económico e o administrativo.
O pasado sábado acudín á igrexa de San Pedro de Bande para celebra-lo “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”, unha iniciativa que, coincidindo coa conmemoración do Día de Defuntos, organiza cada ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG). O obxectivo que persegue, solidario co do resto de siglas que conforman o colectivo, consiste en fomenta-lo uso do galego no ámbito dos ritos funerarios e das últimas vontades. Este ano, baixo o lema “Agora e sempre” procura remove-las conciencias identitarias e provoca-la reflexión sobre a incoherencia de despedir ás persoas falecidas nun idioma distinto ó que empregaron durante toda a súa vida; isto é, persegue manter unha liña de continuidade no proceso de autoidentificación máis alá da existencia.
O meu criterio como galeguista no que atinxe ó noso idioma resúmese así: o agora é sempre e o sempre debe ser agora. Cada momento presente, cada acto de afirmación identitaria que facemos na arestoridade, non é máis ca un momento de continuidade entre o pasado e o futuro; un símbolo da presenza constante do ser galego e, polo tanto, de resistencia fronte ó seu esquecemento. Máis polo miúdo, cada vez que alguén se expresa no noso idioma, aínda no momento das derradeiras vontades, fai del unha realidade que se mantén viva, que se renova continuamente e nos transcende como individuos ó tempo que contribúe a facer do maior sinal de identidade cultural que posuímos, unha realidade permanente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
Vai chover, carallo
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 4 de febrero
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal