Sobre a "air fryer"

Publicado: 05 sep 2026 - 00:15
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A verdade é que pensaba en falarlles do lío de Ceuta, do chiripitifláutico presidente do Goberno de España, de Marrocos e do Sahara... pero decídome a contarlles da “air fryer” que comprei hai medio ano. Mellor para todos. A verdade é que me gusta o aparello. Compensa. E esa idea fíxome atrapar pensamentos que deixara ceibos e esfiañados voando no espazo, hai tempo. Pensamentos sobre os grandes avances da humanidade que pasan desapercibidos e son ben máis importantes para as nosas vidas que os que estudamos nos libros de historia onde enchen todo batallas, reis e “persoeiros”. Para min, os dous máis grandes adiantos nos últimos douscentos anos son os lentes para a presbicia e as novas técnicas dos dentistas. Si. Imaxinen a vida antes de ambas cousas. Así que avanzaba a vista cansada estaba un, senón acabado, cando menos moi devecido intelectualmente. Imaxinen unha persoa de 50 anos que non daba lido e adoecido de dores por unha dentamia podre. De adulto choutaba a vello vellísimo. Hoxe a produción intelectual de moitos artistas, investigadores, escritores, profesionais, faise co talento natural sumándolle a actividade continuada nesa idade plena na que coa máxima naturalidade usamos uns lentes que xa podemos comprar no súper. E mesmo lucindo uns dentes “sanísimos”, sexan propios, “tuneados” ou postizos, sen que doan.

Outros tres inventos popularizados pouco a pouco despois da II Guerra Mundial cambiaron o devir da parte feminina da sociedade máis ca ningunha ideoloxía. A saber, a lavadora, a fregona e a píldora anticonceptiva. Podería ter sido doutra maneira, pero a antiga división de traballo por sexos -por sorte desaparecida nos novos niveis estándar da sociedade occidental- condenaba á muller aos traballos domésticos e á reprodución descontrolada. Así, lavadora, fregona e píldora foron os instrumentos máximos da súa redención. E guiadas polo avance da formación e educación promoveron, xunto con moitos homes, a igualación desexada.

En fin, outras cousas chegaron así, sen pensalo, tipo frigorífico, a partir de mediados os cincuenta. Outras viñeron e marcharon. Penso nas bolsas de leite que substituíron ás leiteiras alá por mediados finais dos sesenta e tiveron un reinado curto, pois desde mediada a primeira década dos setenta xa era maioría o leite en “cartóns”, en tetrabrick aos que non lles cumpría neveira. Unha nova tecnoloxía de tratamento do leite permitía conservalo por meses e así entrou de a pouco nas nosas casas.

E podiamos falar da ola express (anos 60), do microondas (anos 80) e o derradeiro dos cambios foi a chegada da “air fryer” (“fritadeira de ar” para os portugueses e que nós vimos chamando como en inglés), e que seica xa teñen o 35 por centos dos fogares españois o que nos sitúa de terceiros no mundo, logo dos ingleses e norteamericanos, en máis do 65 por cento das casas. E creo que a “air fryer” veu para quedar, pois a idea é simple. Trátase dun forno convencional, cun ventilador máis eficiente e cunha capacidade moito menor. O forno que vostede ten encastrado debaixo da cociña, eses de 60 x 60 cm., adoitan ter uns 70 litros de capacidade, e unha “air fryer”, uns 4 ou 6. Así que cunha resistencia que ven sendo a metade, ten unha eficiencia moito maior. E como o 77 por cento dos fogares españois teñen hoxe entre 1 e 3 membros, pois para o uso habitual ten a vitoria fácil. Aforro de enerxía, tempo e fritangas. O desexo do seu inventor, o holandés Fred van der Weij, era facer patacas fritas sen moita graxa e rápidas. O pobre morreu en 2019 cando comezaba a explosión de vendas do produto, multiplicada na pandemia e pola enxurrada de receitas en Tiktok e nas redes. Unha miña: Picatostes: pan de antonte en cubiños, unha nadiña de aceite furrichado, ourego, pemento doce, allo moído e... tres ou catro minutos a 180 graos, caxougando o cesto cada pouco.

Contenido patrocinado

stats