Unha película “jurásica”

Publicado: 04 sep 2026 - 05:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región.

Jurassic Park” de Steven Spielberg foi sen dúbida unha das estreas máis destacadas do verán do 1993. A película, baseada na novela de Michael Crichton, foi o blockbuster que marcou o inicio da era dixital. Ademais revolucionou os efectos visuais e espertou o interese mundial para a paleontoloxía nos nenos e nenas daquela época. Steven Spielberg, unha vez máis, conseguía cativar a toda unha nova xeración de espectadores.

Tamén o director David Robert Mitchell creceu a base das fantasías de Spielberg, entre dinosaurios, aventuras e encontros na terceira fase. De feito a súa última longametraxe “El final de Oak Street” podería ser a secuela perfecta de “Jurassic Park”. O seu novo filme recupera a inocencia da primeira entrega do parque xurásico e moitos valores que pertencen a filmografía de Spielberg: a irrupción do terrorífico/marabilloso que revoluciona o cotiá dunha comunidade, a unión da familia fronte ao perigo e incluso o amor polos suburbios dos anos oitenta.

Ambientado no 1982 – e tamén no Cretácico – “El final de Oak Street” segue as vivencias da familia que, despois de que un misterioso fenómeno cósmico, atopase atrapada entre dúas realidades. David Robert Mitchell sérvese da teoría de Carl Sagan sobre os buracos de verme - túneles no espazo-tempo creados por escintileos de luz cósmica - para transportar a todo un barrio á era dos dinosauros. É un tema que o cinema xa tiña explorado, por exemplo con Olga Osorio na recente película galega “¡Salta!” (2023), ou en anos atrás en filmes como “Contacto” (1997), “Stargate” (1994) ou incluso, dunha forma máis filosófica, en “Donnie Darko” (2001).

“El final e Oak Street” mestura varios xéneros desde a ciencia ficción, pasando pola aventura, o misterio, o thriller, e cunha boa dose de suspense. É un filme que atopa o seu sitio perfecto nesta época do ano. O verán, sabemos, é a tempada no que a carteleira énchense de títulos de cine de xénero. Ata agora xa puidemos contar con bos títulos como “Hokum” do cineasta irlandés Damian McCarthy, con “Backrooms” de Kane Parsons e por suposto co filme “Obsesión”, o debut de Curry Barker, un romance terrorífico con tinguiduras sobrenaturais e un abundante dose de humor negro. Con respecto a estas obras, “El final de Oak Street” colócase un punto más abaixo, aínda que sexa quizais a mellor película de dinosaurios estreada desde “Jurassic Park”. Anne Hathaway, Ewan McGregor así como Maisy Stella e Christian Convery conforman un reparto de actores sólido e a banda sonora de Michael Giacchino é unha aposta segura dentro do xénero.

Así “El final de Oak Street” pode considerarse un blockbuster oitenteiro, moi spielberguiano e que, a través dun salto temporal, conseguiu colocarse na carteleira estival actual. É un filme nostálxico, entretido, por momentos incluso divertido. Pero a vez é moi pouco orixinal. É unha película correcta, perfecta para ver baixo as estrelas, pero que probablemente desaparecerá da nosa memoria cinematográfica coas primeiras choivas do outono.

Contenido patrocinado

stats