A aira, a secas

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 04 oct 2026 - 01:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Collín a foto e contempleina, examineina con atención. Situeime no adro da igrexa. Á miña dereita, a propia igrexa de Baños de Molgas. A continuación as dúas casas nas que nacín, me criei e vivín media vida. Xa non son miñas, pero é coma se o seguiran sendo. O lugar de nacemento nunca se abandona, nunca se deixa, nunca se esquece.

En fronte, a rúa da Igrexa. Rúa pequena, xeitosa e ventosa. Rúa chea de recordos. De cando toureei un carneiro co pano das mans do pai. De cando xunguía as vacas e as poñía, eu só, ó carro sen practicamente poder co pinallo. Para suxeitalo co temoeiro ó xugo, tiña que pousalo na cabeza e rezar para que as vacas non se movesen.

Recordos de cando me vía negro para agochar na barriga, por debaixo da roupa, as novelas do Oeste ou os libros que lle tiña que esconder á nai. Nunha man levaba a vara e, na outra, algún libro da escola ou do colexio... para disimular. Lembro que, cando tiña que agacharme para facer algunha cousa, debía facer auténticos malabarismos por culpa daqueles libros escondidos.

Ó fondo da rúa e da foto, a aira. Así de simple: a aira. En realidade, era a Aira de Arriba. Agora, para os nenos, seica é a Placita. Mais, para un servidor, sempre será a aira. A secas. Era outro mundo. Se a rúa da Igrexa, ou mesmo as dúas casas, representaban máis ben o traballo, a miseria e a disciplina da nai, a aira era a liberdade, os xogos, as amizades, as aventuras. Ó mellor, tan só de cinco ou dez minutos. Pero que minutos! Alí liberábaste dos medos, dos azoutes e dos mandados da nai. Na aira todo estaba permitido.

Gardo a foto e deixo que os recordos durman na memoria dos tempos, ata novo aviso.

Contenido patrocinado

stats