Alba Fernández e Moreiras expoñen en Ourense e Celanova

ARTE ET ALIA

Táboas de cores cálidas de Moreiras.
Táboas de cores cálidas de Moreiras. | La Región

A proposta desta semana é achegarvos dúas exposicións de dos autores de distintas xeracións pero que teñen en común o feito de expresarse con técnicas visuais novidosas. A primeira é Alba Fernández, quen desenrola unha linguaxe de pequenas formas pintadas en papel de alta densidade que recorta e logo pega sobre branco papel ou cartón e pinta pezas que comparten campo expresivo con elementos de volume, como a pasta de arxila, e tamén, dende este ano, como na Galería Dodo Dadá (Un mundo por pensar), pequenos cubos brancos. Sobre o soporte fai as súas composicións con esta economía de medios, elementos que funcionan como un dente de león ao que se sopra: así o seu fecundo xesto de raizame minimalista que, como aquela pranta medicinal silvestre, consegue que as súas composicións falen dende o fino tacto delicado con voz de soprano e, como escribira Valéry, “le vent se lève!..., il faut tenter de vivre”.

Unha das escenas amplas de Alba Fernández.
Unha das escenas amplas de Alba Fernández. | La Región

Para o espazo de arte de Roberto Mariño Verino en Ourense compuxo unha mostra en formato minúsculo, ao xeito das viñetas-ilustración dalgunha pasaxe dos textos dominicais “El ángulo inverso”, de Noguerol, en La Región, con algunha de maior tamaño para “Paisajes posibles o la fugacidad del instante”, título aberto que explica a praxe plástica para amosar coa técnica da colaxe instantes decisivos da súa contemplación da natureza, vexetal e atmosférica, facendo que o soporte fale, espazo que sinte, silencio expresivo cheo de significados, dende as significantes formas pegadas e pintadas, para expresar, co filósofo escocés Hume, que a beleza das cousas existe no espírito de quen as contempla. Son as súas obras, misivas dun estado de ánimo, mirada cara a nube fuxidía, ou do camiño que atravesa un raposo...

Moreiras

Baldomero Moreiras traslada dende Vilanova dos Infantes, onde vive e traballa dende fai uns meses, até a Casa dos Poetas, na conveciña Celanova, capital do concello, a exposición “Válvula de escape. Locus amoenus”, ideada e pintada na antiga casa reitoral da parroquia de Golpellás, Paderne de Allariz, onde viviu e traballou durante décadas, que estreou en Ourense no centro de exposicións e multiusos da Deputación dende finais de 2025 até comezos deste ano.

Momento decisivo.
Momento decisivo. | La Región

E para elo transforma a primitiva concepción lineal, uns corenta metros, pola necesaria disposición fragmentada, colocando os paneis das táboas pintadas en acrílico de un vinte metros de longo na escaleira e as pequenas salas deste singular centro na vila do grande e antigo mosteiro bieito. E para a súa contemplación dispón que o inicio vaia dende as cores mais claras, co amarelo esvaído aos verdes até chegar os escuros azuis, pasando polos laranxas e vermellos, creando unha disposición cromática in crescendo ascensional. Nas obras describe o seu mundo, escenas sobre un lenzo negro con cintas de carroceiro que pega, e logo recobre con pintura uniforme que, no canto de secar extrae e as composicións reaparecen a dende a cor negra de base, un enxeñoso reverso que practica dende hai décadas. Semella así aquí unha mostra distinta, nova: eis así o seu nostos, o regreso á súa Ítaca natal, sendo o mesmo, mais coa sabedoría da viaxe dos anos transcorridos.

Contenido patrocinado

stats