Alonso Montero, sabio e xeneroso

CAMPO DO DESAFÍO

Publicado: 14 feb 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Escoitei, quizá por última vez, a Xesús Alonso Montero, en Xinzo, a finais de 2024. Nun acto en memoria de Antón Tovar, o poeta, o home sensible e comprometido; figuras esenciais dun tempo ido e uns lugares transformados, varridos polo desleixo e a desmemoria. É difícil fixar se foi a última vez, dada a intensa presenza, a xenerosa disposición, de Alonso Montero en calquera recuncho do país, alí onde fose convidado, onde el quixese estar presente e dar testemuño. En verdade, coñecín antes a súa palabra falada que a escrita. En Compostela, en innumerables ocasións en Vigo e tamén en lugares máis inhabituais: en Tui ou en Urueña, na Vila do Libro, no outeiro almenado sobre o mar de cereal na Terra de Campos, en compañía do seu amigo Amancio Prada, falando de Rosalía, por suposto, como dous mozos exaltados pola palabra e o exemplo da poeta compostelá e do Sar.

E con todo, sería na súa escritura de investigador, onde vale máis o dato e a referencia xusta, o instrumento do seu razoar máis pausado, coa vehemencia embridada pola fidelidade á memoria exacta, ás cartas descubertas, ás relacións antigas establecidas entre amigos, na distancia do exilio e tamén na da ocasional incomprensión. Ese é o ámbito do profesor Alonso Montero, e na reconstrución de vidas, polémicas, proxectos e ideas, dedicou unha fecunda vida intelectual, indispensable para coñecer a historia.

Toda a cultura do país e todos os seus protagonistas, de calquera época, tiveron en Xesús Alonso Montero un atento e curioso albacea

Toda a cultura do país e todos os seus protagonistas, de calquera época, tiveron en Xesús Alonso Montero un atento e curioso albacea. Capaz de entreverar retrincos de vida e obra para entregarnos retratos completos, como os citados Tovar Bobillo e Rosalía, ou Castelao e Piñeiro, ou Filgueira Valverde e Mendiño, ou Antía Cal e Antón Beiras, ou no ámbito español, Lorca e Machado. A curiosidade, o coñecemento e a sensibilidade con que Alonso Montero realiza os seus ensaios non exclúe a súa perspectiva marxista, de esquerdas, de clase. Nunca máis nin mellor que na súa abordaxe da lingua, o galego -diagnóstico dramático por medio, ou non-, e a súa comparativa co visto e oído en Cataluña ou o País Vasco. Unha análise realista -“Galicia está condenada a ser bilingüe”-, non dogmático, próximo sempre “aos sectores minoritarios ou de maiorías distantes do Poder”, e mal recibido por quenes expiden certificados de galeguidade e lle negaron o seu voto para ser nomeado fillo adoptivo de Lugo.

Alonso Montero foi, como el mesmo escribiu de Seoane, “un home de vida doméstica e entregada ó traballo”. Gocei da súa palabra cordial e o seu xuízo certeiro. O eloxio a Antón Tovar, escoitado en Xinzo, do seu poema O tren, púideno corroborar en Carlos Casares ou Alfredo Conde. Deixounos un home sabio e xeneroso.

Contenido patrocinado

stats