Amodiño, que o bo está por vir

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 22 ago 2026 - 01:41
La Región

De Entrimo a Olelas empezaba o bo. Mesmo indo no coche. Por ser a estrada estreita e polas súas curvas. Sempre me gustou conducir por esas... carrilleiras que se ensancharon só o xusto para que pasasen os coches. En algúns sitios, só un. Amodiño e contemplando a paisaxe.

A paisaxe desta estrada impresiona polo seu lado esquerdo cando se chega á altura do encoro de Lindoso. Alá, no fondo, moi fondo, coas aldeas de Portugal saudándonos desde a distancia; coas vacas cachenas nas cunetas ou cruzando, lambendo mesmo a ventá do coche; cos cabaliños tamén á beira.

E se por todo iso empezara o bo, polo que ía seguir chegaba o gozo: unha nova andaina chitoliana ata as Pozas do Mallón. Aquí xa si pola súa propia paisaxe, entendendo a paisaxe como bosque, como conxunto de plantas, árbores, matogueiras e demais especies vexetais cheas de cor... verde. Verde que te quero verde.

Pero todo esforzo, ó final, é certo que ten a súa recompensa: a vista sobre as pozas era marabillosa

Aínda que os entendidos teñen catalogado o percorrido como de dificultade fácil, hai pequenos traxectos que teñen o seu aquel, ou sexa, a súa subida. Podo achacalo á idade, pero non; estou máis que acostumado a andar polo monte. Digo que, en certos puntos, a costa púñase costa arriba; nunca mellor explicado.

Pero todo esforzo, ó final, é certo que ten a súa recompensa: a vista sobre as pozas era marabillosa. Todo o que as arrodeaba era de película. E a visita, confirmo e aseguro, paga a pena. A maiores, é unha ruta curta, que logo se fai. A pesar desas costiñas.

Desde ese lugar, o fillo e máis eu marchamos ver o Pozo Caído, no río Pacín. Pero como o espazo do Pingas é o que é, esta ruta queda para outro.

Contenido patrocinado

stats