A UPG contra o futuro do BNG

Publicado: 22 ago 2026 - 00:10
La Región

Se un taxista non colle ningún cliente en 40 anos supoño que caducaría a súa licenza por non cumprir como servizo público. Se unha panadería non ofrece pan en corenta anos é de supor que outro tanto. Por esta evidencia algunhas lexislacións europeas, como a de Alemaña, fan que os partidos teñan deberes funcionais. Así, alí “perde a consideración de partido político” - cancélase no rexistro- aquel que non se presente ás eleccións federais, ou cando menos ás dalgún Lander, durante seis anos. Os seus militantes poden manterse como asociación civil de dereito común, pero sen prerrogativas dos partidos pois estes son instrumentos para servir o pobo a través do contraste dos seus programas ante os cidadáns, nas eleccións.

En España mediante a lei 3/2015 tratouse de atallar o caos administrativo da existencia de, segundo o preámbulo da lei, 4.200 partidos políticos -a maioría, claro, inactivos- acollidos ás leis vixentes. Pero as tres razóns de disolución son só administrativas -falla de actualización ao marco lexislativo, falla de presentación de contas, falla de renovación de cargos- pero non di nada do exercicio da función esencial dos partidos, a de presentárense ás eleccións.

Así pois, vemos que ao BNG séntalle ben a proximidade, a eficacia e a moderación proxectada

E digo isto, para xustificar a existencia legal dun partido -a Unión do Povo Galego- que nunca na súa historia se presentou a un confronto público de ideas, a unhas eleccións. O seu programa de extrema esquerda marxista-leninista, “comunista patriótico”, independentista, etc. nunca foi ofrecido á escolla dos cidadáns. Sabiamente, os seus dirixentes saben que esa oferta sería un suicidio porque nin Galicia, nin creo que en ningún lugar do mundo, optan libremente por semellante cousa. Así, sabido é que a UPG promoveu “organizacións” sindicais, políticas, civís, etc. -tipo ING ou BNG- para atraer e intermediar a súa relación cos cidadáns e sen dar a cara nunca. Chega con controlar os discursos. E, sabiamente tamén, moitos galegos e galegas optaron funcionalmente polo BNG como alternativa diferenciada do PP e do PSOE, máis vinculada á idea única de Galicia, sen entraren en miudezas ideolóxicas, ante a inexistencia doutras opcións máis centradas, tipo PNV. E así, en moitísimos concellos colleron pulo e gobernaron con especial éxito Allariz ou Pontevedra e outros lugares, onde a ideoloxía quedaba nun plano moi secundario fronte á eficaz xestión municipal. E tal explica, por exemplo, que en Pontevedra o BNG obtivese nas locais de 2023 o 34,5% dos votos (ollo, o PP conseguiu o 38,8 e dous concelleiros máis) e nas Xerais de 2023 un pírrico 8,8%, na cuarta posición. En Allariz, nas Locais, o 48% e nas Xerais un apreciable 24,81, como terceira opción despois dun PP de primeiro e o PSOE de segundo.

Así pois, vemos que ao BNG séntalle ben a proximidade, a eficacia e a moderación proxectada. Por iso, UPG, na actual marcaxe de liña de radicalización do discurso do BNG, creo que fai un fraquísimo favor á marca. Nin se debe mandar sempre nos fillos -medran- nin estes aceptaren o que digan os pais. Creo que a frase freudiana -hoxe parte da cultura popular- de “matar o pai”, para ter futuro propio, vén moi a conto. Pero desde fóra ninguén se debe meter nas cousas da familia. Deben eles resolver.

O intento destes últimos meses de vincular símbolos propios do pasado máis inútil e radical da UPG -como a “loita armada” e os seus protagonistas- cos valores comúns universalmente asumidos pola nosa nación como Rosalía, Castelao ou Alexandre Bóveda, en boca do BNG, é noxento e creo contraproducente. A teima leninista de “agudizar as contradicións” é impulsada no seu seo para actualizar o confronto constante coa sociedade civil que non se acolla á súa bandeira estrelada; única que usan, xamais a de Galicia. Un disparate como pretendérense herdeiros da tradición dos galeguistas, aquela boa xente, sabia e radicalmente lonxe do mundo de estrelas e bandeiras vermellas. Ao futuro non sei chega por camiños pasados. E tortos.

Contenido patrocinado

stats