O antigo e complexo oficio de escritor

Publicado: 25 dic 2024 - 22:59

As academias das distintas linguas que as padecen (ou desfrutan, pois hailles de todo) xeralmente sancionan o uso do idioma que fai a xente durante un tempo prudencial, tal que permita consideralas coma propias; logo e se acaso din que son anglicismos, galicismos ou mesmo cultismos xa que o latín, dito sexa en memoria do ministro Solís, aquel que dixo algo que hoxe o mesmo sería plausible: “ ” e se quedou tan ancho. Dise así e faise porque haber hainas; hai academias que o que sancionan, pero entendido no senso de penalizan o uso que fai a xente e a eles non lles acae ou non lles soa ben. E quen queira entender que o entenda.

O noso Premio Nobel, era de obra de oitenta anos na ocasión aquela

Estas miñas lamentables ocorrencias viñéronseme á cabeza mentres lía un libro que non sei se deberei cualificar de deleitoso, coido que si pero por se acaso. Non me vale dicir delicioso xa que unha delicia non é, precisamente, un deleite. Xa ven os lectores en que trapalladas perdémolo tempo algúns escritores. Outros fan papiroflexia, Unamuno por caso, e non lle foi tan mal.

Ó que íamos. O libro de marras élles o titulado “Tinta invisible”. Débese á autoría dun coruñés que di que ten as pernas curtas. Tiven eu un amigo, casado cunha estranxeira que afirmaba del que non era baixo, que o que lle pasaba era que tiña uns fémures máis cortos do habitual (repare o lector atento en que non dixen do normal). O coruñés, Javier Peña chamado, escribiu este libro deleitoso e, miren por onde, tamén delicioso. Xa alá pola súa páxina 52 recolle unha afirmación do xaponés Murakami na que o escritor nipón sentencia, como se fose un académico dos do segundo feixe dos citados, que “escribir non é un traballo axeitado pra persoas cunha intelixencia por enriba da media”…oian, e pensar que pode que teña razón, o raio do xaponés este! Vai o vello morrendo e vai o vello aprendendo.

Recordo a CJC estando a piques de editar a súa derradeira novela que, se ben o recordo, titulase “Madera de boj”. O noso Premio Nobel, era de obra de oitenta anos na ocasión aquela. Entón tiña a mesma inseguridade, idéntica ansiedade, compartidas dúbidas e tódalas incertezas dun escritor novo …ou acaso máis aínda; porén non lle importou confesarllas ó escritor novo que eu aínda era daquela, non tan novo, claro, pero si moito máis novo que o de Iria Flavia.

A min aquela conversa con el admiroume, expresado como foi á tan provecta idade de quen foi en vida un gran novelista ; mesmo nesa súa derradeira novela, máis deconstruída que construída coma tal, se me deixan que o diga así. Cela segue a ser Cela. Ségueo a ser vinte e pico anos máis tarde do seu pasamento, malia que os tempos actuais sexan tan avoltos que apenas xa ninguén le nin a Cela, nin a Torrente Ballester, tampouco ó noso Blanco Amor ou, por citar a outros, nin a Delibes ou a Marsé.

En poucos días cumprirei os meus oitenta anos e non se me vai da cabeza a apreciación de Murakami que chegou a min da man de Javier Peña. Fíxoo coincidindo co feito de que hoxe mesmo, antes de poñerme a escribir este meu diálogo cos poucos ou moitos lectores que poida ter, puxen punto e final á que, sen dubida, ha ser a miña derradeira novela. Perpetraría eu unha novela ou escribín algo que poida pagar a pena? Pois non llo sei. O amigo citado antes, o dos fémures cortos e a lingua algo afiada, non moito, pero si algo, utilizaba a miúdo tal palabra pra cualificar a obra dalgún colega: “Fulano perpetrou unha novela, por que?”

Confeso que teño a mesma sensación que tiña Cela naqueles días. A diferencia, perdón, unha diferencia algo máis ca notable é que, mentres el estaba a falar comigo, eu estou a facelo coa xente que ten a deferencia de me ler estas expansións do ánimo que semanalmente me permito. Posiblemente estea a facer o parvo. Non me preocuparía moito por elo. Á fin e ó cabo estaríalle a dar a razón a Murakami: que “escribir non é un traballo axeitado pra persoas cunha intelixencia por enriba da media”. Que mo ía dicir, o da intelixencia, claro, Feliz entrada de ano, compañeiros.

Contenido patrocinado

stats