Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Antón Pulido foise a pintar o vento na kermesse eterna
ARTE ET ALIA
A comezos de ano, o 16 de xaneiro pasado, achegouse Antón coa súa dona Fina até Ourense, e fíxome o galano da súa presenza, e dos que viñeron a velo, e a José Antonio Ocaña Martínez, grandes artistas nados na década dos corenta que trala do berce viñeron á cidade para a formación posterior, baixando Pulido dende Bóveda ao Seminario, onde perseverou, do menor até o maior; e Tamallancos, respectivamente, cara o Cardenal Cisneros, nos que o maxisterio de Jaunsarás e Xaquín Lorenzo deixoulles respectivamente pegada fonda. E os dous chegaron, malia as respectivas doenzas, de Vigo e Madrid para escoitarme falar das súas vidas e milagres dende o seu savoir faire nas artes plásticas, pintura e escultura, no centro expositivo municipal José Ángel Valente, grande poeta quen vivía, tamén un mozo, naqueles anos, na cidade das Burgas.
Uniunos, sen eles saber, R. Otero Pedrayo, conveciño de Trasalba, Amoeiro, quen lles influiu, e ao que trataron O poliédrico polígrafo escribiu dende aquí en 1972 unhas acaídas e proféticas palabras ‘Diante a alborada dun pintor’, Antonio Pulido (sic), e a súa exposición auroral no museo arqueolóxico dende “a elegancia severa dos horizontes dos chans de Amoeiro, isa Lombardía Galega, e a exemplar adicación morteira da serra da Martiñá”, na dorsal central de Galicia, cumio ao N. que me uniu sempre a Antón, quen sabía as miñas orixes en Cea.
Formado en Barcelona na Escola de Bellas Artes con Joan Hernández Pijuan, tan decisiva logo da ourensá de Prego de Oliver, como se amosa nas obras dos anos en Casaio, onde foi mestre rural, vocación central a docente na súa vida que, logo da súa estadía barcelonesa, continuou nun instituto vigués, no que obtuvo praza, cidade na que residiu coa familia de sangue, que ía medrando. E comezando a da acción cultural, de actividade e compromiso político naqueles anos ilusionantes do primeiros anos da Autonomía e, en paralelo, foi levando adiante a creación pictórica e como gravador, que exhibiu en diversos lugares de Galicia e mesmo no extranxeiro, en Asia…, cunha dilatada traxectoria, pasando por diversos estilos nos que a cor manda, o que reflecte a calor da mirada do corazón, co realismo expresionista e fauve por bandeira básica para chegar á descomposición en manchas, linguaxe toda na que a música nunca anda lonxe.
E espallou durante a súa vida do mundo dos afectos, que compartiu cun sorriso, e a oportuna retranca, no amplo grupo artístico, musical e literario dos seus admiradores, campos nos que participaba pintando, cantando e escribiendo cos pinceis e outras ferramentas, incluso as dixitais, un mundo ganancioso, de bonhomía e fachenda dende a laboura feita. Nelo seguiu as palabras sabias de Otero naquela primeira exposición, “Non queremos morrer; Tesnos que pintar! Teus ollos de neno non teñen perdido a irmandade coa natureza, connosco. Mais, como pintar o vento? Xogando nos centeos, apañando, vello avaricioso, as follas murchas polo outono, da grande e sonora carballeira”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DERROTA DOLOROSA
El Antela tropieza en casa ante el Alondras (0-2)
DEPORTE Y SOLIDARIDAD
Maside despidió el San Vitorio con deporte solidario