Os aplausos ó papa eran da partitocracia

A TRIRITA

Publicado: 20 jun 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Todo o novo xa aconteceu antes, ou case. Cando menos a min parécemo. Non é que eu teña sempre as cousas claras, que non as teño; algunhas si, claro, como non podería ser menos. Por exemplo, adoito ter certa confusión entre os términos esquerda e dereita. Sucede así non porque eu padeza dislexia política algunha, senón porque a realidade política vivida nos pasados anos indúceme a tal especie de dúbida, non sei se existencial, ou que. En todo caso, coido que lles pasa a moitos.

Pra compensar teño bastante claros os términos arriba e abaixo. Así que levado desta miña limitación, acudo á relectura por se me puidera servir de algo. Antes da Revolución Francesa, eses términos non se usaban; apareceron porque uns se situaban á esquerda da cámara e outros facíano á dereita. O problema debeu xurdir cando houbo que considerar a precisa situación do centro. E así seguimos; por certo: hai hoxe centro político? Se non o hai haberá que buscalo a correr.

En resume, aí situado, póñome a reler a Chateaubriand, que algo debeu aprender no seu tempo. Vou reproducir, contando coa benevolencia dos lectores, o que deixou escrito ó respecto non da afirmación coa que se inicia esta tririta de hoxe, senón a propósito de que non fose levada a cabo a deposición de Lois XVI. Segundo considera Chateaubriand,se tal deposición fose levada a ramo, o crime do 21 de xaneiro non tería sido cometido e a disposición do pobo francés respecto da monarquía sería outra. E continúa o bretón nacido en Saint Malo: “Os constituíntes que se opuxeron á deposición creron salvar a coroa e a perderon; os que crían perdela pedindo a deposición, teríana salvado”. E conclúe: “Case sempre en política, o resultado é contrario á previsión”.

Contemplando esa notable explosión de aplausos, seica de sete minutos de duración, cabe pensar que o conxunto da cámara parlamentaria estivese aplaudindo o conxunto de discurso papal; ou ben, partes distintas do seu conxunto.

Vendo o que pasa, contemplando as previsións que motivaron os aplausos ofrecidos a Leon XIV, dun lado e doutro desta nosa e actual descentrada cámara parlamentaria -descentrada en tanto que non se ve un centro de confluencia dos intereses xerais da poboación e si e unicamente os dos partidos actuantes- é indicado preguntarse se os vaticinios que se anuncian e propagan, segundo de onde veñan e con independencia do que suxiren, non resultarán tiros pola culata non tanto prós gañadores da próxima contenda electoral, sexan estes quen sexan, senón prós votantes de quen non resulte o gañador do proceso que se aveciña. En política, case sempre, o resultado é contrario á previsión, François-René de Chateaubriand dixit.

Contemplando esa notable explosión de aplausos, seica de sete minutos de duración, cabe pensar que o conxunto da cámara parlamentaria estivese aplaudindo o conxunto de discurso papal; ou ben, partes distintas do seu conxunto. Cabería esperar que eses aplausos responderon á totalidade do expresado polo pontífice romano, na súa condición de xefe do Estado Vaticano, máis que na de guía espiritual da relixión con maior número de seguidores neste atribulado mundo no que nos movemos, non se sabe se porque nolo legou así a historia, se porque o gañamos a pulso, ou se porque nós crémonos que isto é unha democracia cando en realidade o que ven sendo é unha partitocracia a maior gloria e beneficio dos partidos políticos capaces de asumir calquera papel posible con tal de contentar ós seus posibles electores.

De caber esta última posibilidade, que caber cabe, madía leva, sería bo que o electorado soubera, canto antes, cales son as previsións de cada quen e que partes do discurso papal subscriben sen paliativos, porque non é crer que teña predominado nel a espiritualidade que sen dúbida o guiou no seu conxunto, pero que mantivo unha constante de certo empeño na actitude política do xefe de Estado Vaticano na arela de centrar unha opinión xeradora de encontros logo de tantos anos de desencontros como os que a política dos partidos españois se veu desenvolvendo como se na súa executoria os líderes políticos esqueceran que a política é dialogo, negociación e pacto ou non é política senón outra cousa que millor sería non mentar.

Contenido patrocinado

stats