Arqueólogos empresarios

Publicado: 10 oct 2026 - 06:05
Escavación dirixida por un arqueólogo de empresa en Ourense.
Escavación dirixida por un arqueólogo de empresa en Ourense. | La Región

Xestionar o territorio é unha necesidade permanente. En todas as épocas, as sociedades organizaron o espazo de forma sectorial, segundo as previsións de supervivencia, desenvolvemento e reprodución. Por iso descubrimos elementos moi parecidos aos de hoxe: asentamentos de tipo diverso -cidades, vilas e aldeas-, cultivos, puntos de extracción de materias primas, recintos rituais, como cemiterios ou santuarios, etc.. Tamén atopamos camiños e fitos xeográficos claves para trazar as vías de comunicación.

Cando o promotor dunha obra necesita intervir nun espazo con protección arqueolóxica, ten que levar a cabo algunha intervención previa. É cando entran en acción os arqueólogos de empresa

Estes exemplos do uso do territorio repítense ao longo de case toda a historia. Na actualidade, aínda que cambiasen as épocas e as culturas, a situación non é moi diferente. A gran novidade das sociedades actuais é que agora incluímos a protección do patrimonio arqueolóxico dentro das leis que organizan o espazo onde vivimos. Non entraremos agora nos densos sistemas normativos que a conteñen, entre outros, os plans de ordenación municipal e os plans especiais. Todo porque o art. 44.1 da “Ley 16/1985 del patrimonio histórico español” outorgoulle a categoría de “ben público” aos vestixios arqueolóxicos de toda condición. Dende entón, os arqueólogos comezan a formar parte do funcionariado -aquí, especialmente na Xunta de Galicia e en varios concellos- para xestionar e protexer eses vestixios do pasado. Deste modo, cando o promotor dunha obra necesita intervir nun espazo con protección arqueolóxica, ten que levar a cabo algunha intervención previa. É cando entran en acción os arqueólogos de empresa. Son contratados por estes promotores e deben traballar con autorización da Xunta de Galicia. Cando inician a intervención, son inspeccionados polos arqueólogos da administración, autonómica e do concello. Este último caso dáse cando existe a figura de arqueólogo municipal na circunscrición onde están a actuar.

Quen son estes arqueólogos empresarios? Son profesionais titulados nesta especialidade que optan por constituír unha empresa, forman parte dela ou traballan como técnicos autónomos. En Ourense levan actuando dende os inicios da década de 1990, información de primeira man porque fun o primeiro arqueólogo autónomo na cidade. Despois constituín unha empresa tamén de arqueoloxía cun colega, todo iso antes de gañar a praza de arqueólogo municipal no Concello de Ourense. Dende entón moitos son os profesionais e empresas que está a traballar de forma cotiá na cidade, xunto con outras zonas de Galicia e mesmo fóra da nosa comunidade.

Polo xeral estes técnicos con formación humanista convertidos en empresarios, están dotados de moi boa cualificación técnica e formativa. Gran parte dos últimos avances do coñecemento debémosllos a eles, porque nas escavacións que manda a planificación urbanística, na actualidade maioritaria, eles forman a primeira liña de acción. Son os que acometen o traballo no xacemento. Evidentemente non quero citar nomes de empresas arqueolóxicas nin de profesionais, cos que mantiven -e continúo a manter- unha excelente relación de profesional a profesional, independentemente do papel que desenvolviamos cada un de nós -administrador e administrado- na xestión arqueolóxica. Na maioría están dotados de altas capacidades na profesión e sería inxusto citar a algún sen citalos a todos.

Non é difícil atopalos en acción na cidade. Cando os encontren, saiban que están ante excelentes profesionais que traballan duro para protexer e investigar o pasado.

Contenido patrocinado

stats