Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Ata hai puco tempo, a xestión da arqueoloxía dende os concellos considerábase case unha entelequia. Profesionais da arqueoloxía formando parte da xestión urbanística dos concellos? Habituámonos a outros funcionarios nas oficinas técnicas municipais de urbanismo da administración local. Son consabidos os profesionais da arquitectura, da enxeñería, das leis e outros pero, un arqueólogo no cadro de persoal municipal? Algo ocorreu para que estes especialistas, popularmente asociados coas universidades, museos e outros centros de investigación, chegaramos a ser funcionarios para atender o patrimonio arqueolóxico do termo municipal.
A grandes trazos, a causa foi que o catálogo de xacementos arqueolóxicos pasou a formar parte do urbanismo co valor de ben público que lle outorgan as leis. Deste modo, calquera acción que poida afectar a un ben ou a un entorno de protección arqueolóxica debe ser evitada, corrixida ou minimizada con medidas que emanan das propias normas urbanísticas do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou dos plans especiais, todos eles en acordo e coa aprobación da lexislación autonómica, en especial as sucesivas leis de patrimonio cultural de Galicia. En consecuencia, as disposicións e usos do territorio nas áreas arqueolóxicas quedan, dende o punto de vista urbanístico, en pé de igualdade coas medioambientais, de edificación, accesibilidade, habitabilidade, ou tráfico viario, por citar algunhas que xestiona cada municipio. Debemos ter en conta que, dende a creación do Estado das Autonomías, a competencia exclusiva en patrimonio cultural -e dentro del o arqueolóxico- corresponde ás administracións autonómicas, no noso ámbito territorial, a Xunta de Galicia. Mais a xestión das licenzas urbanísticas é unha competencia municipal e o coidado de que as obras non afecten aos xacementos forman parte do proceso de concesión das ditas licenzas. A incorporación dos arqueólogos municipais permite contar con especialistas na xestión e tratamento dos bens arqueolóxicos, que coa decisión final do servizo de arqueoloxía da administración autonómica, achegan eficacia na xestión. Neste proceso os concellos poden proporcionar valores específicos que derivan tanto da proximidade e inmediatez cos sitios arqueolóxicos, como a experiencia no coñecemento do terreo e das normativas específicas municipais -caso dos ditos plans especiais- que se redactaron para xestionar algunhas áreas de interese patrimonial no seu territorio. Ademais, achegándonos á cotidianeidade, é de destacar o papel desta arqueoloxía preventiva -e polo tanto programable- inherente ao labor diario do arqueólogo municipal, tanto no desenvolvemento urbanístico xeral como, en especial, no espazo urbano que en non poucos casos poderiamos considerar como un xacemento arqueolóxico habitado. Esa relación diaria e de proximidade permite ás veces un coñecemento especializado que posibilita o salto da xestión á investigación. Sería, no meu entender, a finalidade desexable para todo arqueólogo municipal porque, ademais, un coñecemento adecuado sempre propicia unha mellor xestión e protección. Demos un paso máis: a integración do pasado no ADN dos habitantes da zona é esencial, porque en tempos de globalización, o patrimonio cultural é un sólido sustento de identificación e valoración do propio.
Con tales criterios programamos na Real Academia Galega de Belas Artes -RAGBA- as “Xornadas de arqueoloxía municipal. Gabinetes municipais de arqueoloxía: protección, xestión e investigación das cidades”, que agora se están a desenvolver na Coruña baixo a dirección do que agora escribe, como saben, responsable do Departamento de Arqueoloxía do noso concello. Ademais, neste ciclo inicial, que, polo momento acolle as propostas dos arqueólogos municipais das catro capitais de provincia de Galicia participan, por este orden, arqueólogos municipais da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra, respectivamente Marco A. Rivas Nodar, José M. Eguileta Franco, Enrique González Fernández e Juan Castro Carrera .
Non desbotamos a posibilidade futura de ampliar as xornadas ao resto de cidades, incluso vilas que contan con gabinetes municipais de arqueoloxía. Por suposto, quedan vostedes convidados ás conferencias que se están a celebrar na sé da RAGBA, na cidade da Coruña.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último