As boas maneiras

O ANXO ATHEÁN

Publicado: 14 jun 2025 - 03:05

As boas maneiras
As boas maneiras | La Región

Sappi, carissimo, que la cortesía è una de la propietá de Dio...” Este é un pensamento do pobriño de Asis, secularmente chamado Giovanni di Pietro di Bernardone, ó que non lle cómpre tradución. Quen logo sería San Francesco, unha das figuras máis plenas de espiritualidade da Igrexa católica na Idade Media, poeta místico, clérigo regular, peregrino e fundador de tres ordes relixiosas, foi o primeiro en ser estigmatizado por un serafín con seis ás anxélicas que lle impuxo os sinais da crucifixión de Xesucristo nas maus, nos pés e no costado. Non sorprende, pois, esa chamada á cortesía en quen practicou a vida eremítica, o silencio e a soidade interior, creador, en lingua umbra, do Cántico das criaturas ou Cántico do irmau sol , no que recoñece que todas as criaturas da divindade deben considerarse como irmaus e irmás.

Descubrín o pensamento co que encabezo este relato na primeira cita do libro de Eduardo Blanco-Amor, Las buenas maneras. Tratado de urbanidad para mayores, publicado en 1963 en Buenos Aires, pola editorial Losada. Colócalle o autor un Prólogo útil no que declara que foi instruído, en Ourense, a comezos do século XX, co Epítome de urbanidad y cortesía. Un repertorio minucioso do que debía facer e non facer a rapazada para aparentar seren ben educados. Era un manual edificante. Aí vos vai unha mostra: “P. Que debo hacer antes de ir de visita? R. Cerciorarme de que mis uñas estén bien cortadas y limpias, y lavados mi rostro y orejas, amén del aseo y cuidado de las ropas que competen a mis mayores; llevar bien estiradas las medias y el pelo en orden...”

Son aspectos sociolóxicos do cotián, moi aproveitables na actualidade -como o mal uso das tecnoloxías- plasmados con elegancia intelixente, ironía e agudo senso do humor.

En todo caso, o curioso e interesante ensaio de Blanco-Amor, Las buenas maneras, só reeditado en 1983 por Xerais, resulta ser moito máis ca un tratado de cortesía para adultos, un chisco perifrástico, por certo. Aparecido na Arxentina entre dous Plans Quinquenais -como advirte EBA- consta de dezanove capítulos que van desde a urbanidade como forma pasiva, ata a amizade e os seus aspectos, pasando pola descortesía inducida, os roncadores e a conducta de represalia, a discusión, a rexouba, a pragmática na mesa, as vistas... Son aspectos sociolóxicos do cotián, moi aproveitables na actualidade -como o mal uso das tecnoloxías- plasmados con elegancia intelixente, ironía e agudo senso do humor.

Agasallei a Atheán con esta obra, esquecida e case ignorada, salientándolle a recomendación coa que o autor remata o traballo. Desta volta si que traduzo ó galego, porque non creo traizoar en absoluto: “Os que pensen que non lles interesa ler este tratado, fáganllo chegar, en forma de consello ou incitación, ós que, ó seu xuízo, poidan tirarlle proveito. Con fórmula tan sinxela e facedora, o libro, meritorio e esforzado, atoparía os centos de miles de lectores que merece. Así sexa.”

Déronnos pé, ó anxo e a min, nunha xornada na que a primavera quixo ser grisalla e con auga, algunhas das consideracións de Blanco-Amor a establecermos un diálogo amable e a colleito. Il, tan amante da orde, eficiente e previsor, trouxo unhas notas manuscritas no seu caderno celeste. Proba do interese e da ansia que lle leva o asunto. Atheán non tolera as malas formas. É practicante das boas maneiras, extremadamente cortés no trato, cordial e nada dado a ofensas agresivas. Interesáronlle sobre maneira os Epílogos do libro. Unhas normas que dan que pensar. Detivémonos tamén nalgúns dos epígrafes. Eu saquei, como non, o da amizade e os seus espectros. A cortesía do íntimo, a fondura espiritoal, o trato cos mestres literarios... As páxinas de Montaigne, alma tenra e vehemente, a pesar do seu racionalismo; “o derradeiro extremo de perfección nas relacións humanas reside na amizade..” Non hai aí moralina beata, non colle o finximento, fóra da retórica e do vil interese; vence a autenticidade. Concluíu Atheán cunha cita contundente de Pitágoras, na volta da linguaxe dos números; “a amizade sublima o igual”.

Lembro, cando isto escribo, dúas apreciacións que tamén subliñou o anxo: “Non abonda co pedido verbal de escusas. Resulta obrigado expresar as desculpas con naturalidade no ton de voz e no aceno. A veracidade dos sentimentos non só está nas palabras.” E, xa para pór o ramo, non para rematar: “A bondade é sempre ben educada, a beleza, só ás veces; nunca o son o mando e a intransixencia”.

Contenido patrocinado

stats