As eivas de Salustiano

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 27 ene 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Salustiano Sanguñedo Pereira é simplemente O Salustiano. En Galicia, por imperativo legal -ou cando menos moral-, todos os nomes deberían levar artigo: O Salustiano, O Evaristo, O Inocencio, A Contempla, A Remedios, A Lola da Amparo..., etcétera.

Aínda non comecei e xa me estou desviando do asunto, do esencial, do que quero contar. Vou. O Salustiano é coxo da perna dereita e manco da esquerda. Pobre Salustiano! Porén, dentro da calamidade, o de ser manco cadroulle ben. El é dereito e sería moito peor sentirse inútil de todo.

Sempre ten medo a que a xente se mofe das súas deficiencias, das súas lesións. A realidade é que os veciños máis ben se compadecen del. Pensan que xa lle chegaba cunha eiva desas como para cargar coas dúas.

De inútil non ten nada. Vive a vida á súa maneira e, quizais, mellor mesmo ca a maioría dos mortais. Como quedou solteiro a causa das súas eivas, non depende de ninguén e non ten que mandar en ninguén. Isto tamén xoga ó seu favor, pois sendo como é —de corazón nobre e alma caritativa—, todos pensamos, os veciños digo, que non ten carácter para mandar. Para mandar tamén hai que saber, tamén hai que valer. Mandar non manda calquera. Ou si.

O Salustiano non é dos que saen moito de can, da casa. Sempre ten medo a que a xente se mofe das súas deficiencias, das súas lesións. A realidade é que os veciños máis ben se compadecen del. Pensan que xa lle chegaba cunha eiva desas como para cargar coas dúas. Moitos, medio en broma medio en serio, comentan que só lle faltaba perder un ollo e quedar xordo dun oído. Hai que lembrar que a xente, ás veces, esbardalla moito. E case nunca para ben.

O Salustiano axuda, pero non deixa que o axuden. Non quere sentirse máis inútil do que xa o ven. Algún neno, con mala baba, chámalle O Medio Inútil. Son nenos.

Contenido patrocinado

stats