Xabaríns e seguridade vial

Publicado: 27 ene 2026 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Este fin de semana, mentres me dirixía coa miña filla Alba a ver a neve nos arredores de Ourense, un xabarín atravesou inesperadamente, a plena luz do día, a calzada. Quedou a escasos centímetros de bater connosco. Foron dous segundos: un freazo, un sobresalto e ese pensamento que vén despois, cando xa pasou o perigo, e che treme a idea de que todo puido rematar moito peor.

Aquel susto fixo que me viñese á cabeza unha realidade que sacode Ourense e que, por máis que intentemos normalizala, non debería parecernos “o de sempre”. Porque non é o de sempre: é máis. É máis frecuente, máis visible e, sobre todo, máis perigoso.

Non o digo eu: tamén o confirman os datos recollidos estes días no diario La Región. A rede viaria ourensá pechou 2025 con 3.290 sinistros, e as colisións con animais xa representan o 54% do total. Traducido a feitos: 1.763 choques con fauna, un máximo histórico. E dentro desa fauna hai un protagonista claro: o xabarín, con 1.232 incidencias, seguido do corzo con 407. Son números fríos, pero detrás deles hai coches esnaquizados, noites en urxencias, familias con medo a unha curva e condutores que temen unha colisión ou unha saída de vía pode nun tramo que percorren a diario.

O que impresiona destes datos non é só o volume. É a sensación de que xa non falamos dun fenómeno excepcional nin estrictamente nocturno, senón dunha convivencia desaxustada entre monte e estrada, entre o rural o periurban e xa tamén o urbano, entre o tráfico cotián e unha fauna que perdeu o medo e gañou presenza. Ourense é un territorio de fronteira: parroquias pegadas ao monte, polígonos, vales, viarios comarcais con pouca visibilidade… e tamén unha expansión humana que se foi achegando a corredores naturais sen planificar ben as consecuencias.

Non é demonizar o xabarín: é recoñecer que a situación actual non é sostible nin para as persoas nin para a propia fauna.E cuarto, a parte máis delicada: a dos peóns.

A maiores, 2025 tamén deixou outro titular incómodo: 14 persoas falecidas nas estradas da provincia, 11 en vías interurbanas e 3 en urbanas, cun balance de 86 feridos graves e 504 leves. E hai un detalle que doe especialmente: un de cada tres falecidos foi un peón atropelado; en total, cinco vítimas. Segundo se recolle, tres deses peóns presentaban deterioro cognitivo e camiñaban desorientados. Isto non é unha nota ao pé: é un espello dunha sociedade que envellece e que, se non adapta o espazo público e a mobilidade, deixa desprotexidos precisamente aos máis vulnerables.

Con estes datos enriba da mesa, a pregunta é inevitable: que estamos facendo, e que máis imos agardar para facer?

Porque a tentación é caer en respostas simplistas. Ou ben minimizar (“son cousas do campo”), ou ben buscar culpables inmediatos (a administración, os cazadores, os condutores, “os de sempre”). Pero a realidade adoita ser máis complexa: hai factores ambientais, alimentarios, de uso do solo, de hábitos de condución e de infraestruturas. E cando a realidade é complexa, o que non funciona é a improvisación nin o parche.

Urxe unha estratexia seria, coordinada e sostida no tempo. Primeiro, prevención viaria real nos puntos de risco: mellor sinalización, revisión de valados onde sexa viable, mantemento de marxes para mellorar visibilidade, e medidas de calmado de tráfico en tramos especialmente expostos. Segundo, planificación baseada en datos: se sabemos que a A-52 concentra unha parte importante das incidencias, ou que determinadas nacionais e comarcais acumulan sinistros repetidos, non ten sentido tratar igual toda a rede; cómpre priorizar e intervir onde é máis urxente. Terceiro, no caso da fauna, hai que falar tamén de xestión do territorio: control de puntos de alimentación (lixo accesible, restos, zonas onde os animais atopan comida fácil), ordenación de espazos periurbanos e unha política de xestión da poboación animal que non se basee nin no espectáculo nin na inacción. Non é demonizar o xabarín: é recoñecer que a situación actual non é sostible nin para as persoas nin para a propia fauna.E cuarto, a parte máis delicada: a dos peóns. Se parte das vítimas son persoas maiores con problemas de orientación, cómpre repensar pasos peonís, iluminación, beirarrúas, itinerarios seguros e velocidade en travesías, e tamén reforzar a dimensión comunitaria: acompañamento, prevención social, coordinación cos servizos de atención e coas familias. A seguridade vial tamén é unha política de coidados.

Ao final, o susto do xabarín foi un aviso persoal; a estatística é un aviso colectivo. A plena luz do día, un animal pode cruzar unha estrada e converter a rutina nunha ruleta. E a plena luz do día, tamén podemos decidir que isto non quede nun titular máis nin nun “xa veremos”.

Porque o que está en xogo non é unha discusión teórica: é a vida real nas estradas de Ourense. E ningunha provincia debería acostumarse a vivir con medo a unha curva, a un paso de peóns ou a un animal que aparece sen aviso.

Contenido patrocinado

stats