As memorias do doutor García-Sabell

Publicado: 03 jun 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O acervo antropolóxico atesourado nas casas familiares para facer fronte as indisposicións da saúde era unha fonte inesgotables de saberes que me engaiolaban. Acudíase poucas veces ao médico. A variedade de produtos farmacéuticos que hoxe teñen as boticas, daquela eran mínimos.

Cando a presenza do médico era imprescindible, o recurso da palabra era terapia de sanación. Álvaro Cunqueiro escribiu fermosos relatos onde os curandeiros botaban man deste recurso. O doutor García Sabell fala do uso deste recursos no prólogo que lle escribiu a don Álvaro para unha das súas obras literarias máis representativa que xa abordara en 1963 no seu libro “Ensaios” co título de “Análise existencial do home galego enfermo”, cuxa lectura a min aínda hoxe proporcióname claves para entender as relacións patolóxicas coa nosa peculiar idiosincrasia.

Sobre esta particular visión médica das doenzas escribiu tamén varios ensaios un condiscípulo e amigo seu, Juan Rof Carballo. “Mito e realidade da Terra Nai”, foi o primeiro ensaio científico publicado en lingua galega en 1957. Aos doutores Rof Carballo e García-Sabell, segundo o decimonónico criterio establecido pola Real Academia Galega, nunca lles dedicarán un Día das Letras Galegas. Entender por letras galegas unicamente a literatura e a poesía, excluíndo outros xéneros como os ensaios e estudos científico nos tempos que corren é un anacronismo.

García-Sabell sempre aspirou a exercer o maxisterio na docencia médica

Vén a conto este necesario preámbulo para comentar unha obra de recente publicación da que son autores Siro López Lorenzo e Teresa García-Sabell Tormo, “Domingo García-Sabell. A voz e a palabra”. Un libro que se encadra no xénero memorialista do que tanto se pode aprender; alomenos eu. Na miña biblioteca teño moreas de publicacións autobiográficas que me teñen axudado a entender as actuacións de moitas persoas no contexto histórico que lles tocou vivir.

Domingo García-Sabell, home de ciencia e doutros moitos saberes humanísticos, é un referente da chamada “escola médica compostelá”, a “Fonte limpa”, da que foi senlleiro representante desde que Varela de Montes a creou. O profesor Ricardo Gurriarán ten estudada esta escola científica e a súa contorna na súa tese de doutoramento “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)”, de obrigada lectura.

García-Sabell sempre aspirou a exercer o maxisterio na docencia médica. O seu mestre Gregorio Marañón influíu decisivamente na súa vocación. Mais o compromiso político coas causas da democracia enfrontárono ao franquismo. Foi así como veu frustrada a súa aspiración a impartir docencia nas aulas da Facultade de Medicina. Atopou acubillo na súa clínica particular e logo na Rosaleda, onde coincidiu con compañeiros que partillaban afinidades ideolóxicas.

Eu fun o conseguidor das únicas armas que tivo o grupo organizado dentro da UPG

As súas memorias escritas por Teresa García-Sabel e Siro López a partir de libretas nas que ía escribindo reflexións que non podían ser publicadas no período da ditadura, permítelles a algúns -non é o meu caso- coñecer aspectos biográficos inimaxinables, tales como a súa colaboración co Partido Comunista e participación na Operación Termópilas para executar a Franco. Conta nestas memorias que chegou a pedirlle a un garda civil paciente seu unha pistola, coa intención de entregarlla e un membro do comando da devandita operación que el acubillaba. Malia os seus posicionamentos políticos distintos dos meus, sen embargo, sempre admirei o seu antifranquismo militante e a súa exquisita formación científica. Recomendo a lectura destas memorias porque sitúan ao personaxe no lugar do que é merecente na historia de Galicia.

A súa participación activa e comprometida na loita antifranquista por medio das armas foi consecuencia dunha fonda reflexión: “Eu chegara a unha conclusión de que se non era pola violencia non acabariamos nunca con Franco. Había que actuar”. Eu tampouco nunca contei, e fágoo aquí e agora porque o relato de García-Sabell serve de pretexto, que eu fun o conseguidor das únicas armas que tivo o grupo organizado dentro da UPG, negociándoas con Carlos “Duarte” Gentil-Homem, militante da organización Liga Unida de Açao Revolucionaria (LUAR) e Eduardo de Sousa Calvet de Magalhaes, cualificado dirixente do Partido Comunista Portugués que tiña un destacamento armado denominado Açao Revolucionaria Armada (ARA).

Como axuizaría hoxe García-Sabell a quen me acusou covardemente a través da revista Grial hai un par de anos de poñer en perigo a Fundación Penzol por realizar reunións clandestinas nas súas instalacións na década dos sesenta? Seguramente que deostaría cualificándoo de fundamentalista relixioso. Aquel individuo manguelo, que nunca conspirou contra a ditadura franquista, atribuíulle un esaxerado poder taumatúrxico á Biblia traducida ao galego para mellor salvagarda da nosa identidade nacional. Vaiche boa! Investíronse grandes cantidades de diñeiro para unha finalidade fatua.

Contenido patrocinado

stats