As municipais chaman á porta

Publicado: 11 jul 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nesta ocasión, o de menos é quen o di, o importante é que transmite experiencia e saber tanto na xestión dos pequenos e medianos concellos, como cales son as eivas e fortalezas para dar o mellor servizo aos cidadáns, aos veciños. Os candidatos, sobre todo os que se presenten por primeira vez, teñen un bo espello con vistas ao domingo 23 de maio de 2027, data das vindeiras municipais: as súas declaracións. Cando isto escribo faltan apenas 10 meses para celebrarse as que son en chamarse a nai de todas as eleccións -sempre na boca de Manuel Fraga-, así descritas xa que as formacións ou partidos que gobernen os concellos parten con vantaxe para afrontar as citas supramunicipais. O caso é que tendo en conta o nomeamento dos candidatos, configuración das listas electorais ou candidaturas, presentación das mesmas, confección de programas máis dalos a coñecer… as municipais están aí, nun santo e amén. E se apelamos ao dito de que un político non só nace senón que se fai, non entendo ben a tardanza, en moitos casos, para nomear candidatos, mantendo incertezas.

Se escribo estas letras é para reflexión sobre programas e propostas para os concellos en xeral, pequenos e medianos en particular, tras lerlle a entrevista a un alcalde -o de menos é o nome- nun xornal galego que, entendo, deu respostas absolutamente coherentes e consecuentes. É o que se di coñecer o terreo que pisa. Non podo estar máis de acordo coa afirmación de que “unha das principais desafeccións das persoas coa política está nas dinámicas de promesas electorais, nas que incorren moitos partidos -eu diría moitos políticos- en campaña electoral e que non fan máis que crear falsas expectativas o que leva finalmente ao desencanto”.

Si, hai que ilusionar, pero que esas ilusións nos candidatos e equipos para gobernar aos concellos non se tornen, en máis ou menos tempo, en desilusións ou desencantos, que ao final se resume da manida frase “son todos iguais”; algo que non é certo, pero calou na cidadanía de tanto padecelo. Debemos ter en conta que calquera dos representantes públicos, da formación que sexa, xestiona recursos limitados e sempre escasos para poder satisfacer as necesidades, que tenden a ser infinitas. Ademais de que as persoas e as sociedades cambian, e con elas as demandas e as necesidades; pero, o que son os servizos básicos de saneamento, abastecemento de augas, mellora de viais de comunicación, sempre están presentes e como tal debémolas ter sempre na cabeza. E non distraernos do principal obxectivo, cal é a atención ás persoas.

E xurde sempre a pregunta referente aos pequenos concellos, ao poñerse en dúbida que na maioría das veces apenas poden satisfacer á súa veciñanza, pola falta de orzamentos. A resposta do alcalde é unha gran realidade, que non ten visos de resolverse nin por uns nin por outros, levando así tempo. Estou plenamente de acordo: “O problema dos concellos non é o tamaño ni a poboación. O problema ven derivado da infrafinanciación á que estamos sometidas as administracións locais”. Este debate non se quere propor a nivel do Estado, cal é a reforma da financiación local. Fálase de financiación autonómica, da de Cataluña, pero nunca da financiación local para os concellos.

Ademais de que as persoas e as sociedades cambian, e con elas as demandas e as necesidades; pero, o que son os servizos básicos de saneamento, abastecemento de augas, mellora de viais de comunicación, sempre están presentes e como tal debémolas ter sempre na cabeza.

Na crise do 2013, na que España estivo ao borde da intervención, das tres administracións implicadas, a local foi a que máis aportou á redución de déficit e a que xerou maior capacidade de aforro. Eu case diría o mesmo, ao respecto, cando a pandemia polo covid.

Remataría que hoxe, antes de falar de redimensións da planta municipal, si fusións ou non, voluntarias por suposto, o necesario é actualizar a financiación local. Os concellos non poden continuar asumindo máis competencias sen que leven consigo a partida económica correspondente para desenvolvelas. E, sobre todo, se queremos -polo que se escoita o queremos todos- discriminación económica positiva para o rural dende todos os ámbitos. A equidade non só debe predicarse, ten que obxectivarse. Nestes momentos, nos que Sánchez aproba un teito de gasto récord -outra pirueta que quedará en nada- de cara á campaña 2027, observo que de financiación local nin mú. Debera aplicarse o “verba movent, exempla trahunt”. O demais continuará sendo crear falsas expectativas cas necesidades que teñen os pequenos e medianos concellos. Antes do 2027 vai ser imposible procurar todas estas necesidades, sobre todo cun Goberno de España cuxa axenda é a xudicial, tirando cara adiante facendo tempo, sen máis…

Contenido patrocinado

stats