Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
O rumor da quietude
Aínda que resulte estraño, creo que o asunto das famosas xoias de Zapatero o que ao final vén demostrar é que a maioría da xente en España é honrada. E fiel, leal e un pouquiño inxenua. Só así se entende a recuperación inmediata da memoria da secretaria que despois de dicir que non tiña a chave da caixa forte, de súpeto topou clave e chave, cando viu que ían prender lume na boquilla do soldador para abrila. Fiel e leal e inxenua... ou algo máis, desmarcándose. Vai ti ver.
En fin, e como lles dicía que somos un tanto inxenuos, creo que tamén podería ser certo que fosen unha herdanza familiar, sen valor. Ou incluso con el. Porque... a ver quen non ten na casa un par de millóns en xoias antigas que lle viñesen de caste. Que non as teña eu non quere dicir que vostede, amable lector, non as teña. E con toda lexitimidade. O que si se pode comprobar é que os técnicos taxadores de Ansorena -se cadra os que trataron cos torques de Beade que moitos queremos ver como peza clave na apertura do Museo Arqueolóxico- eses peritos taxadores, digo, actuaron coa máxima eficacia, prontitude sen deixarse seducir polas posibilidades que se lles abrían para facer fortuna. Só lles cumprían tres pequenas cousas: ética líquida, moral elástica e ganas. Nótase que esas persoas están afeitas a andar con cousas de valor entre mans -e debaixo das lupas- e non son fáciles de abraiar. Imaxinen que, en vez de seren rectos e claros, fosen de moitas reviravoltas e claroscuros; uns aproveitados, como o atesourador. A xogada era posible, limpa e maxistral. Bendicida por un refrán se cadra aplicable ao caso: “O que rouba a un ladrón, cen anos de perdón”.
Imaxinen por un momento que os peritos taxadores, antes de empezaren o traballo, tomasen unhas copas e falasen de historia. O goberno Zapatero vendeu no mercado internacional, entre 2004 e 2007, dos fondos do Banco de España, nin máis nin menos que 241,8 toneladas de ouro, o 46% do ouro das reservas. A xustificación, en boca do seu ministro Solbes, era que o ouro “xa non era activo estratéxico nin rendible”. Dese “ollo clínico” veu que hoxe só haxa no peto do Estado 281 toneladas, fronte ás 382 que teñen os nosos veciños portugueses. O de saber do ouro, das xoias, vénlle de vello, pois, ao ex-presidente. E si, os taxadores, despois de varios gin tonics, poderían ter acordado que, efectivamente, as xoias da caixa forte -iso de ter papeis ou unha pistola, pasou de moda- valerían entre os 30 e 50.000 euros. Exactamente, 42,617 euros... ou 38.984, tanto ten. O caso é que unha cifra exacta sempre dá creto. Logo, pola calada, claro, deberían “desengarzar” as xoias, ripar as pedras, gardalas para eles, e poñerlle uns cristais de colorinchos. E ao tempo que llas devolvían á Xustiza, facer público que si, que o propietario non mentía, que ben sabía o que tiña entre mans. E así como nos roubos das caixas de seguridade nos bancos, os propietarios, calados coma petos. Desde logo non todos teñen a graza de Laureano Oubiña cando nun xuízo en 2006 lle preguntaron se recoñecía ter traído 19 toneladas de haxis a bordo do barco Regina Maris en 1999, contestou, enfadado, que diso nada, que traía 25, que supervisara el a carga e a el ninguén o enganaba. E preguntou, molesto, que quen quedara coas seis toneladas que faltaban? Non sei se será certo. El insiste nun dos seus libros que si. Outras cousas non llas cría ata que as cotexei. Como a presenza de Pablo Escobar -senador colombiano, nin máis nin menos- na festa do 28 de outubro de 1982 en Sevilla para festexar a vitoria de Felipe González. Hai foto de Escobar sentado na mesa con colombianos e Dominguín, o toureiro, pero non con Felipe que nin sabía quen era.
En fin, os taxadores perderon a súa oportunidade, pero seguro que dormen mellor e son máis felices. Como ten que ser. Como o Oubiña que agora vende camisetas nas feiras e é xeneroso contando historias.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
O rumor da quietude
Afonso Vázquez-Monxardín
As xoais de Zapatero, oportunidade perdida
Portal Martínez Soto
TÚ FARMACÉUTICA INFORMA
Protección solar: buenas prácticas desde la oficina de farmacia
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE PRIMAVERA
Los kikos o el mal gusto de Inés
Lo último
Nueva tecnología
Los seguros, otra ventana de oportunidad en el negocio de la IA
LUCHA POR RECONTRUIR
Barro en las calles de Viana, recuerdos bajo tierra y una normalidad aún lejana
nueva economía
La IA abre una nueva carrera por financiar centros de datos
DAÑOS SUFICIENTES
El alcalde de Viana confía en que se declare Zona de Emergencia