Avances na arqueoloxía e lexislación

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 11 oct 2025 - 03:50

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

No sistema democrático que vivimos, as leis non nacen por capricho. Diso ben saben os especialistas en dereito consuetudinario. Penso que a maioría das normativas emerxen da substanciación legal dun acordo social, dunha forma acordada de regular as relacións entre as persoas, entre grupos e de todos co mundo que habitamos. Tal apriorismo cre que a toma de conciencia da sociedade sobre un asunto en particular, é previo á lei que despois o vai regular. En moitas materias o costume soe preceder á lexislación.

E a que ven isto en relación coa arqueoloxía?, dirán vostedes. Pois a que os avances no coñecemento científico poden verse despois plasmados nas normativas legais, nin máis nin menos. Na arqueoloxía, como noutras compoñentes do patrimonio cultural, foi precisamente a progresiva maduración do saber e das técnicas o que conduciu a protexer elementos agora considerados arqueolóxicos que antes víanse esquecidos, por descoñecidos ou por non ser considerados de utilidade. Nas súa etapas iniciais, a arqueoloxía tiña unha relación moi estreita cos anticuarios, lonxanos precursores dos arqueólogos actuais. Naquel momento buscábase a acumulación de obxectos preferentemente con valor artístico, aínda que ao tempo permitiron descubrir xacementos como Herculano. Aquí o príncipe Emanuele M. d’Elboeuf levou a cabo varias, digamos escavacións, nos inicios do s. XVIII por medio de pozos e túneles na busca de pezas artísticas para enriquecer coleccións privadas. En Pompeia foi parecido. Carlos III de España -e Rei de Nápoles- aplicaba os mesmo métodos. Realmente non existía un interese científico como persegue a arqueoloxía actual: a reconstrución dos modos de vida de sociedades pasadas por medio do estudo dos seus restos materiais.

As leis específicas na materia non son caprichosas nin simples ocorrencias. Están precedidas de cambios substanciais na investigación e as normas van recollendo os avances do coñecemento

Volvendo sobre o asunto das leis, só nunha fase conceptual da investigación moi diferente da que guiou a de Pompeia ou Herculano, podemos valorar na súa dimensión as definicións actuais do patrimonio arqueolóxico. Tomemos como o exemplo a que proporciona a vixente Lei de patrimonio cultural de Galicia de 2016: “integran o patrimonio arqueolóxico de Galicia os bens do patrimonio cultural de Galicia de interese histórico, mobles e inmobles, susceptibles de ser estudados con método arqueolóxico... Así mesmo, forman parte deste patrimonio os elementos xeolóxicos e paleontolóxicos relacionados coa historia humana, as súas orixes, os seus antecedentes e o seu desenvolvemento sobre o medio”. Que pensarían aqueles primeiros buscadores e coleccionistas de pezas artísticas se souberan que na actualidade débese interpretar tanto a estratigrafía do xacemento como os variados elementos que conteñen os sedimentos? Entre moitos outros, os restos faunísticos ou o pole, que poden proporcionar valiosa información sobre a dieta ou do medio ambiente no que se desenvolveu a comunidade do pasado que estamos a estudar. Ou imaxinen que descubrimos a canteira de extracción das pedras dun dolmen ou dunha ponte romana, tal como a deixaron naqueles tempos.

Exemplos como os anteriores facilitan a reflexión sobre o nexo tan estreito que existe -ou debe existir- entre o avance metodolóxico e conceptual en arqueoloxía e a lexislación que a regula. As leis específicas na materia non son caprichosas nin simples ocorrencias. Están precedidas de cambios substanciais na investigación e as normas van recollendo os avances do coñecemento. Así debe ser.

Contenido patrocinado

stats