José Ramón Besteiro
As netas da Galicia que debe saber
Días atrás lin de novo “O bosque animado”, de Wenceslao Fernández Flórez. Desta, a versión en galego, tradución de Xela Arias, protagonista das Letras Galegas de 2021. O asunto do bosque, a fraga, é apaixonante como símbolo da nosa etapa salvaxe, a máis primitiva. Representa a paisaxe virxe -o “saltus”-, non intervida pola acción humana. É o espazo natural por excelencia, a que antecede e se opón aos artificiais panoramas agrarios -o “ager”- e ás áreas urbanas. Dende este punto de vista a antropoloxía -e a historia- distinguiu entre as paisaxes naturais ou salvaxes fronte as artificiais ou culturais, iniciadas estas últimas a partir do mundo campesiño, co Neolítico.
Nos sei se lembrarán que xa escribín sobre esta mesma novela hai case dous anos no “Diarios do Pasado”. Referíame naquel momento a algúns dos protagonistas humanos: a Moucha, meiga oficial do lugar; a xornaleira Marica da Fame, moi pobre e ávida por herdar o papel da Moucha; a querida ánima Fiz de Cotovelo, que non atopa acougo no seu penar por este mundo e marcha para América coa Santa Compaña; ou Xan de Malvís, “Fendetestas”, humilde campesiño que decide facerse bandido. Meigas, ánimas e bandidos son os habitantes naturais da inhóspita fraga. Pero hai outros transeúntes: Xeraldo, exmariño e poceiro, a súa amada Hermelinda, os nenos Fuco e Pilara, os fidalgos pacegos D´Abondo, etc. Uns e outros achéganse ao lugar, que todo o matiza e envolve.
Tanto é así que -como na sabana africana- planean cazar un boi para, sen depender dos humanos obter a comida
Alí viven ou por ela deambulan tamén os protagonistas de hoxe, os animais. É de notar a aventura de “Morriña”, o gato do pazo dos D´Abondo, ao bosque. Alí da cunha asemblea de conxéneres que, “desdomesticados” pola acción da fraga, vense a si mesmo como pequenas panteras, “panteriñas peso pluma” -sic”-. Tanto é así que -como na sabana africana- planean cazar un boi para, sen depender dos humanos obter a comida. Recuperados pola acción da fraga son agora un clan de Gatos Libres. Ou o peregrinar da toupa “Furacroios” na busca da súa amada, a quen perdeu hai varios días. Acudirán na súa axuda os camaradas ratos do bosque que, aliados cos do pazo, entrarán na propiedade dos D´Abondo a ver se dan con ela. E como non, o “Pobo Pardo”, convención de moscas liderada por “Hu-Hu”, que arenga ás outras alardeando de ser a raza máis poderosa da terra, porque poden incordiar ao resto e alimentarse de calquera cousa, mesmo a máis desprezable. Están destinadas a dominar o mundo, iso si, sempre que recorden cando e quen expuxo a ideas. A memoria non é o forte desta especie. Hai outros animais -morcegos, troitas, vagalumes e máis que non tratarei-, todos auténticos aborixes, froitos e propios do lugar.
Nas palabras do autor, na fraga ao home “...non lle é posible sentir ese endeusamento que o leva a crer que pode facer distinguido un lugar só coa súa presenza; pola contra, o máis nomeado ou poderoso, ao se atopar só no campo, nota como a Natureza se apodera del e o converte nun transitorio e leve detalle da paisaxe...”. E hoxe quixen recuperar o relato dos principais animais que aparecen na novela, os habitantes deste bosque primixenio que, como nunha fábula do autor, representan esa alma da fraga, do non doméstico. Pero Fernández Flórez incluso da voz ás árbores, que mostran a súa preocupada curiosidade pola introdución dun inesperado e estraño espécime que non conseguen identificar. Mais non lles vou destripar a historia. Verán que paga a pena ler a novela.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último