PUNTADA CON HILO
Nada tiene sentido
A TRIRITA
Se me desen a escoller entre ter un país cheo de patriotas ou cheo de cidadáns, moito me temo que escollería a primeira opción. Faríao porque aqueles son consecuencia de emocións, fortes e sinceras, vaia que si, mentres que estes o son grazas ó coñecemento e a reflexión. Pénsoo así dende hai moitos anos, dende que fun advertido de que ós países fanos os poetas, afirmación ben poética, si, merecedora dun estudo previo e dunha reflexión que poría en evidencia que si, que é certo, que de boas intencións esta o inferno cheo.
Non participo da convicción, que tanto lle escoitei a Torrente Ballester, de que os poetas o que son é un conxunto de vagos, pois se foran máis traballadoriños afrontarían a prosa. Tampouco é iso. Coido eu. Sucede que os poetas son moi poucos e os versificadores moitos; tantos que é imposible que se lean e recoñezan entre eles, que se lean e relean, e deambulen de xeito que, se non se len entre eles, non é de esperar que consigan ser lidos polo resto da concorrencia.
Sei que este comentario pode ser equiparado, por exemplo e sen ningún afán de molestar, co dito polo expresidente Rajoy cando deixou constancia de que a selección francesa de fútbol no contaba con moitos ou con ningún francés. Os patriotas aplaudiríano, claro que si, mentres que os cidadáns sorrirían circunspectos e algo alterados. Pois igual. A afirmación de GTB alporizará a moitos patriotas e suscitará o respectuoso silencio dos cidadáns.
Así que, con total respecto á concorrencia discordante, debo recoñecer que a consciencia dos pobos non a crean os poetas, senón os empresarios, os transformadores de riqueza, os que son quen (como sucedeu en Bélxica) de inverter a diglosia nun prazo de vinte anos contados. Os números cantan e contan moito máis que os ripios.
As institucións preocupadas polo asunto advírtennos que o idioma está en serio risco de destrución
As hemerotecas son perigosísimas. Algunha xente (pouca, tamén é certo) veu advertindo dende hai lustros que o idioma galego que falamos ía devecendo malia a serie de medidas elaboradas dende as instancias lingüísticas máis significadas. Esa xente veu padecendo o que non está escrito en non poucas oportunidades e foron advertidas de que había que xerar optimismo, pois estaban postos os marcos que alindaban o rexurdir daqueles tempos que os RR.CC. botaron embaixo ó par das nosas oliveiras, o desmochado das torres dos pazos, o abatemento do castelos e mesmo a regulación dos menús a servir en vodas, banquetes e celebracións diversas habidas e por haber no noso dende entón algo máis pequeno país. A partires deles o noso idioma foi devecendo.
Agora, non sei se tamén os poetas, pero si as institucións preocupadas polo asunto advírtennos que o idioma está en serio risco de destrución recoñecendo, de xeito implícito, que aquilo de que había que sementar optimismo non era unha proposta seria. O peor é que é moi de temer que lingüistas e poetas esperen que han ser eles de novo quen nos marquen o camiño a seguir. Lingüistas e poetas, mover moverán ós pobos, sen dúbida, pero a atención haberá que centrala dunha bendita vez na creación da autoestima imprescindible máis ca nas normativas ortográficas, que tamén son medida seria, prudente e necesaria, pero xa na irrupción en ámbitos máis frecuentados pola cidadanía que os ofrecidos dende os científicos, académicos, institucionais e políticos.
A pregunta que encerra a resposta radica na consideración, por se deduce dela que haxa que emular, potenciar e defender, que ninguén lle leva devolto á conciencia colectiva máis que o derivado das actuacións levadas a cabo entre o mundo da xudicatura, entre o do empresariado galego ou mesmo entre o persoal das forzas de seguridade ou do mesmo exército.
Nese sentido é oportuno esclarecer o labor inconmensurable levado a cabo neses ámbitos, e aínda noutros, resumíndoo no nome de Xosé Gonzalez, Pepe de Redondela prós seus amigos, citando no del o de todos cantos con el levan colaborado. Grazas a eles os empresarios etiquetan e falan en galego, as forzas de seguridade atenden no idioma no que se dirixa un a elas e non poucos xuíces e avogados fan o mesmo. “Vivamos como galegos”. Élles o noso xeito de poder ser españoles non amputados.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PUNTADA CON HILO
Nada tiene sentido
Alfredo Conde
A TRIRITA
O galego precisa máis autoestima que normas ortográficas
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
Volta e media... e sen estrelas
Rosendo Luis Fernández
Pero... ¿Tiene vergüenza Sánchez?