Bugonia

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 14 nov 2025 - 06:10
Bugonia
Bugonia

Hai pouco menos dun ano, o cineasta grego Yorgos Lanthimos, estreaba Kinds of Kindness. Foi unha declaración de intencións. Despois do éxito internacional de Pobres Criaturas – 4 Óscar, o León de Oro no Festival de Venecia e éxito na taquilla - quería volver a abrazar a mirada austera e cínica das súas primeiras películas como Canino (2009) ou Alps (2011). Conservando só, e incluso consolidando, a relación artística coa actriz Emma Stone, inaugurada en La favorita (2018).

Bugonia estreouse en concurso no Festival de Venecia. Está a recibir reseñas discretas, pola maioría positivas

Bugonia é o remake do filme surcoreano Salvar el planeta tierra (2003) de Jang Joon-hwan – que participa como guionista nesta cinta – e vira arredor do secuestro dunha poderosa presidenta dunha gran compañía por man de dous mozos conspiranoicos. Eles están convencidos de que a CEO da multinacional é unha andromediana decidida a destruír o planeta Terra.

Ao igual en Kinds of Kindless, o cineasta grego segue sen transmitir ningún tipo de amabilidade. Máis ben, Bugonia é outro canto de amor á psicopatía – neste caso aos conspiranoides - un horror vacui cinematográfico, unha especie de comedia negra e grotesca onde o director intenta incomodar forzando a maquinaria do pesimismo e do cinismo. Pero no afán constante por escandalizar e poñer ao límite ao espectador, acaba perdendo o enfoque. A película surcoreana tiña unha graza propia do cine independente, unha atrevida e bizarra estética que traía inspiración do mundo do manga, ademais os personaxes protagonistas eran dous loosers que provocaban certa simpatía. En Bugonia todo volvese tremendamente escuro, serio, sádico e, o peor, repetitivo. Para dar un sentido a esta película non son suficientes as boas interpretacións de Jesse Plemons e Alan Delbis e sobre todo a de Emma Stone que para o seu papel, nun acto de devoción ao seu director, incluso tivo que cortarse o pelo a cero.

Bugonia semella a outro intento falido por parte do cineasta de recuperar un discurso corrosivo das súas orixes, quizais xa perdido. Este último filme de Lanthimos podería ser comparable con calquera obra que fixo Lars Von Trier despois de Dogville (2003) e Manderlay (2005). Von Trier foi outro autor controvertido que despois de conseguir éxito de crítica e público a nivel mundial, acabou estreando unha serie de películas “listillas” e “escandalosas”, das cales, persoalmente, salvaría só Anticristo (2009). A longa, grotesca e cruel secuencia final de Bugonia parece predicir que Lanthimos está destinado a percorrer o mesmo camiño de Von Trier.

Bugonia estreouse en concurso no Festival de Venecia. Está a recibir reseñas discretas, pola maioría positivas. Incluso hai críticos que comparan o traballo de Lanthimos coa mirada de Stanley Kubrick ou a obra de Franz Kafka... Os fanáticos do cineasta atoparán motivos para defender o filme. Pero vos, non vos deixades enganar. A maioría dos seus ferventes admiradores están ao soldo de Andromeda.

Contenido patrocinado

stats