O castigo dos taxistas

Publicado: 02 feb 2025 - 00:10

Hai catro días que os taxistas de toda España levaron a cabo un paro para protestar polos prezos que as aseguradoras impoñen ás pólizas dos coches do sector. A movilización serviu para facer chegar á sociedade o escandaloso custo que teñen que pagar para poder circular, xa que como é obvio, a disposición do seguro é de obrigada contratación para que calquera vehículo a motor poida saír a rua. Aínda que o abano é amplo, falan de mínimos de catro mil euros anuais por danos a terceiros; de seis, sete ou oito mil por unha cobertura máis ampla e incluso ata doce mil nalgúns casos e lugares. Engaden que esta situación súmase á que lles provoca a competencia dos denominados VTC (vehículos de transporte con conductor), que funcionan a través de plataformas dixitais.

Con respecto aos seguros, dín representantes do colectivo do taxi que nesas estratosféricas pólizas figuraría unha especie de penalización por número de partes de sinistro presentados, que están por enriba da media pola sinxela razón de que circulan a maior parte da sua xornada por zona urbana, onde hai maior densidade de tráfico, que incrementa a posibilidade dun percance.

Engaden, que nunha altísima porcentaxe deles, son como perxudicados, co cual debera facerse cargo a compañía do responsable do rascazo ou choque. Pero agás que haxa danos persoais (asistencia médica ou sanitaria), non é así, senon que en virtude do convenio CICOS, establecido entre as aseguradoras, cada unha delas asumirá a reparación dos vehículos dos seus asegurados.

No suposto de que o choque fose importante e o coche tivese varios anos, poidera ser que o peritaxe dictamine que o arranxo será máis caro que o valor do vehículo, co cual declarará sinistro total e a compañía ofrecerá unha cantidade por debaixo do valor real.

O titular poderá rexeitala e reclamar nos xulgados, claro, pero en tal situación resultará que a xeral creencia de que a aseguradora está para defender ao asegurado, non será así, senon que se converterá en inimiga, debendo o afectado buscar e pagar por sua conta a asistencia xurídica.

Así que teñen razón os taxistas na sua rebelión; autónomos na sua inmensa maioría, que se ven abrumados pola incapacidade de afrontar o custe do seguro e outros gastos inevitables para poder traballar, coa particularidade de que cada día que o seu coche non faga carreiras dificultará aínda máis a viabilidade da actividade. A desigual posición, sitúaos como o eslabón máis débil da cadea fronte ao sector das potentísimas aseguradoras, capaz de colocalos ó borde da asfixia profesional.

Contenido patrocinado

stats