José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Cemiterios en Ourense
DIARIOS DO PASADO
É novembro, mes de defuntos. A propia celebración foi o día 2, mais os ritos funerarios esténdense ao Magosto, o día 11. Por iso hoxe quero falarlles de cemiterios en Ourense a través da historia. Hoxe existen na cidade os de San Francisco, Santa Mariña e As Caldas, se ben este último só forma parte de Ourense dende 1943, cando se fusionaron os municipios de Canedo co ourensán.
O Ourense tradicional correspóndese, a grandes trazos, co que hoxe denominamos cidade antiga, resultante da súa evolución urbana dende a etapa romana ata mediados do s. XIX. Neste espazo, as investigacións arqueolóxicas e sobre antigos documentos foron descubrindo diversos lugares funerarios de épocas diversas. Grazas precisamente á arqueoloxía, sabemos que os vestixios arqueolóxicos urbanos máis antigos de Ourense son romanos, polo momento da segunda metade do s. I d. C., e que o primeiro asentamento ven delimitado polos lugares da praza da Madalena, As Burgas e O Posío. Dentro deste perímetro foron descubertas varias sepulturas tamén romanas, ben solitarias, ben en grupos de dous, incluso coa posibilidade de ter formado agrupacións maiores, podendo considerarse necrópoles.
A todas as anteriores debemos engadir as que escavaron C. Vázquez e V. Risco na rúa de García Mosquera, publicadas polo primeiro en 1943.
Nesta mesma etapa romana, as sepulturas máis antigas que se coñecen son as de incineración. Pero desafortunadamente na cidade histórica de Ourense aínda non se descubriu ningunha, se ben si apareceron na outra beira do Miño. Documentáronse nas escavacións dirixidas por Mario César Vila previa ampliación das vías do AVE na saída occidental da estación. Estas sepulturas, pequenas fosas habitualmente escavadas no terreo natural, acollen unha furna de cerámica que gardan as cinzas do defunto. Aparecen dende o cambio de era ata o século III d. C., como se puido comprobar en “Lucus Augusti” -Lugo- en necrópoles nas que se sucedían ambos rituais, primeiro a incineración e despois a inhumación. Pero no Ourense romano, polo momento todas as sepulturas descubertas son de inhumación e de etapas avanzadas, a partires do s. IV d. C., como eu mesmo puiden comprobar no adro da igrexa da Stma. Trindade en 1992, e despois constatou no Posío E.B. Nieto. Estas tumbas, caixas feitas con tellas romanas -”tegulae”- descubríronse, ademais do xardín do Posío en intervención dirixidas por L. Orero e o citado E.B. Nieto, en solares da praza de Saco e Arce e das rúas Dous de Maio e Liberdade, dirixidas polo arqueólogo M. G. Valdeiras, nas Burgas ou no Museo Arqueolóxico, descubertas respectivamente por R. Cristóbal e F. Fariña. Outros, sartegos feitos con tixolos, apareceran na praza da Madalena durante as escavacións dirixidas por L. Orero e F. Espino. A todas as anteriores debemos engadir as que escavaron C. Vázquez e V. Risco na rúa de García Mosquera, publicadas polo primeiro en 1943.
Dende a Idade Media os dous grandes camposantos situábanse xunto á Trindade e entre a catedral de San Martiño e a igrexa de Santa María Nai. Outras institucións relixiosas, como foi o Hospital de San Roque, situado na Alameda no lugar que hoxe ocupan as oficinas de Correos ata que foi demolido a principios do s. XX, tiña un cemiterio propio. Así o documentou a falecida académica O. Gallego. Varias escavacións arqueolóxicas permitiron comprobar a existencia destes cemiterios urbanos. Deste modo, na zona da Trindade os enterramentos sucedíanse de forma ininterrompida dende finais da etapa romana ata os inicios do século XVI. Na praza do Trigo, xunto á catedral, eran máis tardíos, con sepulturas que se superpoñían aproximadamente dende o século XIII ata 1834, com tamén puiden comprobar persoalmente en 2002. Outras evidencias daqueles cemiterios medievais detectáronse na praza da Madalena e nas rúas da Unión e de Cisneros, tamén descubertas en diversas escavacións, dirixiras por L. Orero, F. Espino e R. Cristóbal.
Antes citaba a data de 1834, ano en que se inaugurou a necrópole de San Francisco, utilizando parte dos terreos conventuais cedidos polos frades, que eles tamén usaban como cemiterio. O último recinto sepulcral construído foi o de Santa Mariña, inaugurado en 1993.
Parece que as cousas están cambiando outra vez. Nos últimos anos estase volvendo á incineración, alcanzando xa o 38% dos servizos funerarios, como alertaba este mesmo xornal o 30 de outubro. Veremos como evolucionan os lugares que gardan a memoria dos mortos no futuro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
11.000 INSCRITOS
Cinco policías menos para velar por la seguridad de la San Martiño
DONACIONES Y SOLIDARIDAD
El Banco de Alimentos de Ourense se encuentra bajo mínimos
RIVALES EN ZONA BAJA
Jornada para sumar para el Ontime y Estrela Verín
MODA OURENSANA
Adolfo Domínguez se dispara un 81% en América Latina