Cen anos coas “motas” de Monte Albán e Cuevillas

Publicado: 15 mar 2025 - 00:40
Túmulo megalítico A Mota Grande de Monte Albán en 2007.
Túmulo megalítico A Mota Grande de Monte Albán en 2007. | La Región

En 1925, hai xa cen anos, vía a luz o número 175 do Boletín da Real Academia Galega, o BRAG. Entre outros traballos incluía “As mámoas do Concello de Rairiz”, de Florentino Cuevillas. Cita e estuda varios monumentos megalíticos, sinalando nun mapa elaborado por el, varias da Serra de Leboreiro, Bangueses, Monte das Motas -Lobeira-, Monte Grande de Bande e San Cibrao -A Bola-, xunto coas de Monte Albán, no termo de Rairiz de Veiga.

O significado de mota acaso proveña de “mouta”, que para Ferro Couselo deriva do xermánico “mott”, un amoreamento de terra utilizado como moxón e que, por extensión, dáse na Limia a algúns megálitos. A Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo, entre os significados de “mouta” -con orixe prerromana-, recolle a definición “protuberancia de terra, pequena e illada, que pode ser natural ou artificial”, aspecto que ben coincide cos túmulos megalíticos.

O significado de mota acaso proveña de “mouta”, que para Ferro Couselo deriva do xermánico “mott”, un amoreamento de terra utilizado como moxón e que, por extensión, dáse na Limia a algúns megálitos.

Cuevillas relata que de todas as citadas no artigo, foron “...cinco mámoas abertas por nós”, referíndose ás escavacións de tres no monte de San Cibrao e as dúas de Monte Albán, a Mota Grande e a Mota Pequena. O autor as destaca debido ao emprazamento xeográfico nas terras da Antela, que considera de grande interese arqueolóxico. Aínda que habitualmente cítanse dous monumentos no Monte Albán, hoxe tan só se localiza a Mota Grande. Das veces que visitamos o sitio, a primeira na década de 1980, xa non identificamos a Mota Pequena, segundo Cuevillas “situada a 20 metros cara ao W da anterior [A Mota Grande]. Encóntrase tan derramada e remexida que case non se ergue sobre o chan. Despois de aberta non se atoparon nela máis vestixios do dolmen que poucas pedras pequenas e soltas. Debía acharse a cámara fondamente atuada, circunstancia que obrigou a a derrubar por completo a mámoa cando se tiraron as chantas do seu asento...”. Nela apareceron unha cunca, dous machados, unha punta de frecha e unha aixola puída. Na Mota Grande exhumou outro pequeno machado e catro puntas de frecha. Como anécdota cóntolles que foi un dos primeiros textos que lin de Cuevillas sendo eu estudante de bacharelato -”tempus fugit”- e que, en 1986, incluín o estudo daquelas pezas na miña tese de licenciatura.

Das veces que visitamos o sitio, a primeira na década de 1980, xa non identificamos a Mota Pequena, segundo Cuevillas “situada a 20 metros cara ao W da anterior [A Mota Grande].

Quero destacar que en 1925, Cuevillas tiña 39 anos, dato que considero moi importante, porque iniciouse tarde na arqueoloxía. Como saben, comeza a escribir cedo no xornal El Miño sobre asuntos literarios, máis non publica temas arqueolóxicos ata 1922, caso de “A mansión de Aquis Querquennis”, con 35 anos. Tal información outórgalle un mérito enorme, porque xunto con outras publicacións no BRAG, na revista “Nós”, ou no “Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense”, no noso criterio estaba obtendo datos de campo arqueolóxicos sobre megálitos, castros e outros xacementos, en preparación dun libro sobre a prehistoria de Galicia. Refírome a “Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, publicado en 1929 en colaboración con Bouza-Brey. Mediaron tan só sete anos para que ambos investigadores deran a coñecer o estado da cuestión da prehistoria no noroeste hispánico máis completo dende o traballo de Hugo Obermaier de 1923, “Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia”. A publicación dunha síntese de tanto calado no curto prazo de tempo dende que se iniciara na arqueoloxía, é propia da enorme talla intelectual de Cuevillas, neste caso, en colaboración con Bouza-Brey.

Contenido patrocinado

stats