CHAVELA VARGAS

Publicado: 09 ago 2012 - 09:40 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:01

El amor es simple y a las cosas simples las devora el tiempo. Iso cantaba Chavela Vargas. E conmovía. Presaxiaba un pasado de moi atrás que volve unha e outra vez. En calquera lugar, reflectido en rostros diferentes. Así é que, se puidésemos ver a dor, se for algo físico, pareceríase á fina espada dunha agulla cravándose dentro. Aos poucos. Como se houber unha man pesada e cruel coa pretensión de nos facer pagar pola propia temeraridade. Ás veces somos almas intrépidas en exceso. Outras, parasitarias e covardes. Construímonos un pouco a través destas pequenas doses de sufrimento. Se houber entón unha forza estraña que nos dominase dende 'fóra', nós seriamos o material idóneo. Un material fráxil. Sempre a piques de romper. A cantante mexicana deu conta desta fraxilidade nosa. Lembrounos que a caída existe. Que nada nos pertence. Como se habitase entre mundos, colocouse moi sutilmente neses espazos 'chiquitos' entre o ser e a apariencia.

Conduciunos coa súa voz grave polas calexas sen fondo. Non tanto porque transmitise a intensidade da dor, canto porque nola adiantaba. Había algo no seu ollar, algo de anticipación e reserva. Chavela non nolo dixo todo: calou algunhas cousas: tiña segredos que nos afectaban. Víamolo cando erguía as mans no escenario, inmensamente sabia, oracular: por eso muchacha no partas ahora soñando el regreso, que el amor es simple y a las cosas simples las devora el tiempo. Así, sentenciosa e irónica, podía cantar o riso dun trago, ebria dun adeus que se aproxima, ao que non quería anticiparse, a pesar da condición previsíbel que o amor ten, na medida en que parte por dentro, como tamén parten as cousas. Dramática sen pudor, Vargas puxo voz ás infamias experimentadas na intimidade. Daquela, deu luz a delicada condición das amantes que aman o amor, da virulencia do sexo e da súa decadencia. Tamén do odio e do despeito. Porén, o mellor desta artista é o seu peculiar modo de o facer.

Chavela Vargas construiu nos escenarios mundo densos, atmósferas pesadas. Conseguiu que vibrásemos na mesma onda que ela vibraba. Ofreceunos o mundo visto dende atrás, polo espello retrovisor. 'Pienso que sí me eternizaré -dixo nunha ocasión-, pasará el tiempo y hablarán de mí una tarde en Buenos Aires'. Dito e feito: Chavela Vargas convértese na xeografía humana do eterno retorno: llegaré hasta donde estés (?) quiero volver, volver, volver . Agardarémola. Ela non era como as cousas simples. Pertencía a unha estirpe diferente. Non será devorada polo tempo.

Contenido patrocinado

stats