Clásico do oeste

Publicado: 13 may 2022 - 02:30

O luns proxectaron pola segunda canle da TVE o que quizais sexa o último gran clásico do cine do Oeste: “Los siete magníficos” (1960). Xa que a partir de aí foi cando empezaron a aparecer aqueles filmes no que se pode chamar o subxénero dos spaghetti westerns. E aínda que, ano tras ano, se intenta recuperar un pouco ese Oeste clásico, con algunha película de Kevin Costner (“Open Range”, 2003); algunha de Clint Eastwood (“Sin perdón”, 1992), unha marabillosa de Ed Harris (Appaloosa”, 2008) e dúas de Quentin Tarantino (“Django desencadenado”, 2012, e “Los odiosos ocho”, 2016), o chamado gran cine clásico do Far West rematou co filme de John Sturges.

A maiores de ser un western épico, “Los siete magníficos” ten unha banda sonora que tamén se converteu en clásica. E, por suposto, un elenco de actores que, uns máis que outros, deixaron pegada nese filme. Contemplar a Yul Brynner, Steve McQueen, Charles Bronson e o gran Eli Wallach foi unha auténtica gozada. A verdade é que desde 1989 levo xa seis gozadas enriba. E intentarei seguir gozando con ela cada vez que a proxecten por algún aparello.

Case todo o mundo sabe que “Los siete magníficos” inspirouse nesa tamén marabillosa “Los siete samuráis” (1954), de Akira Kurosawa. Normal; os samuráis xaponeses son os vaqueiros ianquis. Aqueles deféndense ou desafíanse con espadas e estes con revólveres. O filme de Sturges é un estudo experto e sensible sobre os lazos do destino, que xunta ó forte co débil nesa busca dos sete mercenarios para defender a uns pobres labregos mexicanos das garras da banda criminal que os extorsiona e aterroriza.

Historia épica de acción e aventuras, de tiros, estratexia, puñaladas, golpes e diálogos secos, certeiros, de frases enxeñosas, algún que outro chiste e un pouquiño de amor e fraternidade.

É tan perfecta a película que o único que ten na súa contra son as secuelas e copias innecesarias (“El regreso de los siete magníficos”, “La furia de los siete magníficos”, “El desafío de los siete magníficos”, mesmo unha serie de televisión, e de agasallo, “Los siete magníficos del espacio”) que ningunha lle fai xustiza ó filme de John Sturges. En tal caso, salvaría a versión que Antoine Fuqua dirixiu en 2016, con Denzel Washington. Pero a de Sturges é coma o título: magnífica.

Contenido patrocinado

stats